Denuncian a cesión de material sanitario do hospital Montecelo ao centro privado Quirón

Hospital Montecelo de Pontevedra (Europa Press).

A CIG-Saúde pregunta se estas prácticas están a provocar “atraso ou suspensión de operacións”.

CIG-Saúde de Pontevedra denuncia a cesión de material sanitario do hospital público Montecelo ao centro privado Quirón, “tal e como puido comprobar o persoal encargado de preparar o instrumental para as operación”, sinala a central nacionalista.

Desde o sindicato pregúntanse se existe algún tipo de acordo entre o Sergas e a empresa e se este tipo de prácticas “están a provocar atraso ou mesmo suspensión de intervencións no sistema público”.

Dende a federación de Saúde da CIG de Pontevedra afirma que durante a pandemia do novo coronavirus o Sergas chegou a un acordo con Quirón para cederlle material “co argumento de que se puidese seguir realizando operacións no centro privado”.

Mais unha vez rematado o estado de alarma, indican, a dirección do hospital Montecelo anunciou que deixaran de ceder este material. 

“Pero a pasada cuarta feira o persoal encargado de preparar o material para as operacións en Montecelo descubriu que faltaban algunhas cousas, e tras as pertinentes comprobacións constataron que dous días antes foran cedidas ao Quirón”, sinalan.