Denegada a autorización ambiental ao proxecto da planta de biometano en Coeses, en Lugo

Manifestación contra a instalación dunha planta de biometano en Coeses, Lugo, o pasado 20 de xuño na cidade amurallada. (Foto: Nós Diario)

O informe vinculante da Confederación Hidrográfica declara "inadmisíbel" a vertedura, aínda que a empresa ten un mes para recorrer.

A Dirección Xeral de Calidade e Ambiental e Sostibilidade, dependente da Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático, denegou a autorización ambiental ao proxecto de construción dunha planta de valorización de residuos orgánicos e produción de biometano na parroquia de Coeses, a dous quilómetros da cidade de Lugo.

Este organismo, que é o competente para a tramitación e o seguimento das actuacións derivadas das autorizacións ambientais integradas e da calidade dos chans, considera que o informe "preceptivo e vinculante" da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que declara "inadmisíbel a vertedura" impide outorgar esta autorización.

Segundo trasladaron fontes da Xunta da Galiza, a Confederación emitira informes nos meses de maio e setembro do ano pasado nos que concluía que "a documentación achegada polo promotor era insuficiente para realizar o informe en materia de verteduras". Ademais, sinalaba "múltiples deficiencias que debían ser emendadas, tendo en conta o caudal indicado e o sistema de depuración descrito".

E é que o informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural en xullo do ano pasado xa condicionaba a viabilidade do proxecto ao informe da Confederación no que se garantise a calidade das augas "do medio acuático receptor e que a vertedura ao regato Vilalvita cumpra, en todo momento, os límites estabelecidos no seu plan hidrolóxico vixente para os distintos parámetros físico-químicos".

Así, a Xunta explicou que transcorrido o prazo para a emisión dun novo informe por parte da Confederación "sen recibir resposta", dado que os informes emitidos por este organismo son "desfavorábeis" ao proxecto e que o promotor "non achega novos elementos de xuízo na alegación presentada no trámite de audiencia" débese denegar a autorización ambiental integrada.

Agora, a empresa ten un mes para interpor recurso de alzada.

Satisfacción e cautela

A noticia foi acollida con alegría por un colectivo veciñal que baixo o nome de 'Lugo non quere cheiros' levaba meses protestando por este proxecto.

As manifestacións en contra foron tamén secundadas tanto por BNG como por PSOE, quen levou este tema a Pleno e tamén ao Parlamento da Galiza, instando a Xunta a retirar o seu apoio ao proxecto.

O presidente do colectivo veciñal, Julio Rodríguez, asegurou que a veciñanza está contenta, pero mantéñense á expectativa. "O paso máis importante está dado, pero non nos fiamos de todo, porque hai tempo para alegar e non cremos que a empresa o deixe pasar, xa que levan tres anos pagando polo alugueiro das terras".

Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, manifestou que esta resolución "pon de relevo a forza do movemento veciñal e a importancia da mobilización social".

Ademais, engadiu que "resulta preocupante que a Xunta da Galiza declarase prioritario un proxecto que agora se demostra inviábel, visto o seu impacto ambiental e as graves deficiencias técnicas que foron sinaladas polos informes". "Esta situación reflicte a necesidade de maior rigor e responsabilidade á hora de avaliar este tipo de iniciativas, asegurando que os intereses xerais da veciñanza estean sempre por encima de calquera outro criterio", apuntou.