Demoras e citas frustradas en Oncoloxía do CHUVI

A veciñanza do Morrazo leva meses concentrándose en defensa da sanidade pública (SOS Sanidade Moaña).
Usuarias dos servizos de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo láianse dos protocolos de atención á paciente. Denuncian que xeran esperas e atrasos nas sesións de tratamento, ademais dunha inquedanza xeral en pacientes especialmente sensíbeis.

Usuarias de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), da comarca do Morrazo, comezan a facer públicas e a trasladarlle á plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Moaña os atrasos, as convocatorias frustradas e as deficiencias dos equipos de tratamento que padecen cada semana nas áreas de quimioterapia do Hospital Álvaro Cunqueiro e de radioterapia do Meixoeiro.

Desde hai varios meses, pacientes do Morrazo e de concellos máis afastados, como Vilagarcía, que deben acudir a diario ao Meixoeiro para cumprir co tratamento asignado de radioterapia, teñen que facer fronte a esperas imprevistas e, ás veces, indefinidas, que en moitas ocasións arruínan a súa visita ao hospital porque marchan como viñeron, sen tratamento.

Atrasos e deficiencias nos equipos

Suso Cancelas acompaña a diario a súa dona e recoñece que as demoras son habituais. "De nove visitas que levamos, dúas marchamos de volta sen tratamento, pero hai quen acumula até catro sesións de atraso", explica a Nós Diario. "Hai días que as máquinas de tratamento non funcionan, e esta dinámica fai que nunca saibas con que te vas encontrar ao día seguinte".

"Hai quen se ergue ás seis da mañá para facer unha hora de camiño en ambulancia coa inquietude de non saber que vai pasar".

De media, polo servizo que frecuenta Suso Cancelas pasan cada día 200 persoas, en horario de mañá e tarde. "Nós adoitamos coincidir cunhas 20 usuarias máis e todas comparten o seu malestar". Segundo denuncia, hai quen se ergue ás seis da mañá para facer unha hora de camiño en ambulancia coa inquietude de non saber que vai pasar.

Desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, Francisco Ferreiro afirma que xa lle fixeron chegar á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria da Xunta máis á xerencia da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo a súa preocupación pola "mala organización no protocolo para a administración dos tratamentos de radioterapia no Meixoeiro e de quimioterapia do Hospital de Día do Álvaro Cunqueiro".

Falta de persoal

Asegura que aínda non recibiron unha resposta formal por parte do Sergas, e critican que os responsábeis sanitarios deriven as súas queixas a través dos medios de comunicación cara a un ámbito que desde o colectivo nunca puxeron en dúbida, incide. "Nós poñemos en cuestión as esperas, as aglomeracións, a falta de atención previa, que convoquen as doentes con dúas horas de antelación a última hora da tarde para mandalas de volta á casa sen tratamento. Non cuestionamos as profesionais sanitarias nin a calidade e a eficacia dos tratamentos médicos administrados", incide.

"Poñemos en cuestión as esperas, as aglomeracións, que convoquen as doentes con dúas horas de antelación a última hora da tarde para mandalas de volta á casa sen tratamento".

Ferreiro sinala a falta de persoal como orixe do caos que se vive nestas dúas áreas de oncoloxía do complexo hospitalario. "De nada serve dispoñer de salas amplas e recursos se non se dotan de persoal que poida asistir as pacientes en cada unha das fases do seu periplo hospitalario". E reforza a imaxe das pacientes, especialmente sensíbeis pola súas condicións físicas e psicolóxicas.

A plataforma SOS Sanidade Pública de Moaña manifesta o seu interese en acudir ao encontro que responsábeis do CHUVI lle fixeron chegar a través dos medios para coñecer o funcionamento dos servizos de primeira man.