A pandemia frea o seu crecemento mais soben a 277 os pacientes hospitalizados

Persoal sanitario ao coidado de pacientes Covid. (Foto: Europa Press).
Os casos activos soben a menor ritmo até os 18.776. Nas últimas 24 horas rexistradas polo Sergas, os servizos sanitarios diagnosticaron outro millar de infeccións por coronavirus.

A´s portas do mes de agosto os novos contaxios de Covid-19 manteñen unha tendencia á baixa. Porén, os positivos comunicados polo Sergas mantéñense por riba do millar. Segundo os datos actualizados na mañá desta quinta feira pola Consellería de Sanidade os novos casos diarios confirmados por Probas Diagnósticas de Infección Activa sitúanse en 1.113 mentres que os pacientes hospitalizados pola Covid-19 aumentan a 277 -trece máis-.

Cos rexistros de até as 18 horas desta cuarta feira, as persoas ingresadas pola Covid-19 en UCI ascenden a 35 -cinco máis- e aumentan a 242 as que se atopan hospitalizadas noutras unidades -oito máis-. Mentres, 18.499 pacientes permanecen no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase nas de Vigo e Ourense e aumenta nas da Coruña, Lugo, Ferrol, Santiago e Pontevedra.

Casos activos

Pola súa banda, os casos activos de Covid-19 ascenden de novo e acumulan 36 xornadas consecutivas á alza, pero a menor ritmo, até os 18.776, que implican 241 máis que a xornada anterior.

Galiza rexistra unhas 4.800 infeccións activas máis que hai sete días, cando había 13.963 no conxunto do territorio.

Por áreas sanitarias, os casos activos descenden de novo na de Ourense (-14), así como na de Pontevedra (-36), mentres que soben nas outras cinco, coa da Coruña á cabeza (+123) seguida da de Lugo (+81), Ferrol (+36), Vigo (+34) e Santiago (+17).

Así, con máis casos activos continúa a área de Vigo, con 4.412; seguida da da Coruña , con 3.653; Pontevedra, con 3.005; Santiago , con 2.395; Ourense, con 2.209; Lugo, con 2.181, e Ferrol, por baixo do milleiro, con 921.

A caída dos positivos diarios frea o crecemento da incidencia. De feito, xa ofrece indicios de caídaa sete días. A incidencia acumulada a unha semana rolda os 338 casos por 100.000 habitantes mentres que a 14 se mantén arredor dos 655.

Con todo, a taxa de positividade diaria segue a roldar o 10% e a razón de taxas mantense por riba de 1, mais cunha tendencia descendente.

Falecementos

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 en Galicia desde o inicio desta pandemia ascenden a 2.455 despois de notificar Sanidade dous novos falecementos.

Dous homes contaxiados polo coronavirus e con patoloxías previas ambos. Unha das mortes produciuse oa terza feira no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, un home de 63 anos; e outra a cuarta, no Hospital da Mariña, de 84 anos.