Demite o director do Hospital da Costa polos incumprimentos de Feijóo

[Imaxe: flickr]
A directora de Enfermeiría deixou tamén o seu cargo. O presidente da Xunta comprometérase a que o centro sanitario mariñán non perdería nunca a súa autonomía. Agora dependerá de Lugo. O Sergas nomeou xa novo director: o ex xerente do Chuvi, durante cuxa xestión o hospital vigués perdeu 300 mil pacientes de cirurxía cardíaca, derivad@s a Compostela polo incremento das listaxes de agarda


O director do Hospital da Costa, José Insua Pernas, e a directora de Enfermeiría, Carmen Louzao, demitiron dos seus cargos polos incumprimentos da Xunta para este centro sanitario público. Feijóo comprometérase co propio Insua en que o hospital non perdería nunca a súa autonomía. Amb@s recibiron o apoio do cadro de persoal, en agradecemento por teren defendido que A Mariña reúne todos os requisitos para coordinar a asistencia primaria coa hospitalaria desde Burela, non desde Lugo.

Nunha entrevista realizada en febreiro de 2011, após algo máis de oito meses desde que tomara posesión da dirección do centro, Insua defendeu que "nós non podemos ser tratados como o resto de hospitais comarcais, que teñen centros de referencia a unha distancia moito menor". Facendo fincapé nas malas comunicacións que hai entre A Mariña e capital lucense, Insua insistíu en que "aínda que se mellores as vías sempre estaremos a unha hora e cuarto de Lugo".

A ampliación do hospital mariñán, que a Xunta orzamentou en 50 mil euros, reclamouna tamén Insua naquela conversa, hai máis de dous anos. "Creo que necesita unha ampliación e abordar o tema dos cadros de persoal, que agora son xustos demáis". Acrecentou que cumpría máis espazo para instalar unhas vinte e cinco camas máis.

O novo director do Hospital da Costa foi xerente do Chuvi

O decreto de xestión integrada provincial que a consellaría de Sanidade quere impor e que obrigará @s usuari@s do hospital da comarca a dependeren de Lugo fora rexeitado xa pola xunta de persoal do centro e por miles de mariñá(n)s que aprobeitaron o congreso provincial do PP, en Burela, para lle manifestar ao partido do Goberno a súa oposición ás novas directrices. O novo director do Hospital da Costa tomará posesión na vindeira segunda feira (día 18).

Será Francisco Antonio Soriano, recentemente cesado como xerente do Complexo hospitalario universitario de Vigo. Durante a súa xestión, o Chuvi perdeu 300 mil pacientes de cirurxía cardíaca.

O incremento das listaxes de agarda levou ao Sergas a derivar @s enferm@s de Pontevedra e da comarca do Salnés a Santiago. A titular de Sanidade, Rocío Mosquera, dixo no momento de tomar esta medida que sería "coxuntural" e que o Chuvi recuperaría a área perdida no primeiro semestre deste ano. Porén, esta terza (día 12), Mosquera pechou no Parlamento a porta a que este centro público recupere a carteira de pacientes perdid@s.