Demite a vicerreitora de Persoal da USC após a convocatoria de prazas vetada pola Xunta

Carmen Fernández Morante dirixe unha carta ao reitor para o informar de que non vai avalar "unha decisión persoal que presenta claras dúbidas de legalidade" e de que a autonomía da institución universitaria fica na corda bamba ao permitir que o PP --con maioría absoluta no goberno galego-- decida a política de contratación da equipa docente

A anulación do concurso de 25 prazas de profesorado por parte da Xunta de Galiza e a xestión que desta decisión levou a cabo a equipa reitoral da USC, que lidera Juan Casares Long, vén de causar a demisión da vicerreitora de titulacións e persoal docente, Carmen Fernández Morante, após máis de dous anos no cargo.

Nunha carta remitida a Casares Long, Fernández Morante móstrase moi crítica co proceso de anulación das prazas, sinalando que "non podo avalar unha decisión persoal que presenta claras dúbidas de legalidade", e denuncia que foi "excluída" do proceso negociador. Arremete tamén contra a autonomía da institución educativa colocándose a USC nunha situación de "grande vulnerabilidade" ao permitir que sexa o goberno galego quen decida a política de contratacións.

A xa ex-vicerreitora tiña competencias en áreas como a do persoal docente e investigador, titulacións, terceiro ciclo e doutoramento. Nin o xornal electrónico da universidade compostelá nin no resumo de novas correspondente ao día en que Fernández Morante efectúa a demisión deron conta desta información. "A presión externa é moi forte e un está aquí para lle facer fronte. Hai quen é capaz e quen non é capaz", espetou Casares Long a respecto da decisión da vicerreitora de profesorado.

Promesas incumpridas 4 días despois das eleccións

A renuncia vén motivada polo burofax que o ministerio de Facenda e administracións públicas enviou á reitoría da USC en xullo para instala á suspensión dos concursos de dezaseis prazas de profesorado funcionario que xa foran convocadas no BOE. A universidade negociou coa Xunta a convocatoria como persoal laboral contratado, e así se procedeu o 21 de setembro, xunto coa convocatoria d@s traballador@s que levaba encadeando contratos administrativos nalgúns casos máis de 30 anos, e que tamén superaran a avaliación da Axencia galega para a calidade do sistema universitario galego, Asug, que depende da Xunta.

Porén, o compromiso mantívose até o 21-O, cando o PP revalidou a súa maioría absoluta nas urnas. Catro días despois, a consellaría de Educación rexeitou autorizar o concurso de 25 desas prazas, que eran 34 en total. No interior do reitorado, as organizacións estudantís e a maior parte dos representantes do persoal de amnistración e docentes, apoiaron as demandas das persoas afectadas e urxiron ao máximo órgano de decisión da USC que se posicionase en contra da intervención da Xunta nos asuntos internos da universidade minguado, deste xeito, a súa autonomía.

Eis aquí a carta remitida por Carmen Fernández Morante á reitoría da USC: