A demarcación Galiza-Costa detecta a presenza de glifosato nos seus ríos

Demarcación Galiza-Costa (Imaxe: Xunta da Galiza)
Das 116 mostraxes que a demarcación da cunca do norte da Galiza realizou entre 2017 e 2018, case 70% deron positivo en glifosato. Un informe elaborado por Ecoloxistas en Acción salienta a necesidade de unificar a análise desta substancia, potencialmente carcinóxena, como base para erradicala dos ríos e para protexer o medio. 

Un estudo de Ecoloxistas en Acción levado a cabo a nivel estatal informa da presenza de glifosato en 70% das mostraxes realizadas na demarcación Galiza-Costa, que abrangue arredor de 13.000 quilómetros cadrados de costa cantábrica e atlántica, no norte do país. "As augas superficiais dos ríos están altamente contaminadas por glifosato", denuncian nun comunicado.

O informe recolle mostraxes realizadas en 2017 e nos primeiros nove meses de 2018, aqueles que o Ministerio para a Transición Ecolóxica recibira das correspondentes demarcacións hidrográficas. Non todas analizan o impacto desta substancia nas augas, como denuncia a entidade ecoloxista, caso da confederación hidrográfica do Miño-Sil

Das 116 mostras realizadas na Demarcación Galiza-Costa, 69,9% dan positivo en glifosato, nalgúns casos con niveis por enriba de 0,1 microgramos por litro. "O Estado fixa en 0,5 microgramos litro o máximo permitido, o que a nós nos parece excesivo", apunta López, quen salienta que se descoñecen os datos das áreas cunha maior presenza do sector agrícola, as situadas precisamente na cunca do Miño-Sil.

O glifosato é un praguicida non selectivo empregado amplamente na agricultura. Tamén polas Administracións, na limpeza da beira das estradas ou das vías do tren. Este composto, que a estadounidense Monsanto comercializou a partir dos anos 70, suscita controversia polos seus posíbeis efectos nocivos nas persoas e no ambiente.

"É moi barato e tamén efectivo, quen o bota sabe que actúa rápido rematando con todo", resume a este medio Cristobal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción. En 2015, a axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC) ditaminou que o glifosato é "probabelmente carcinóxena" para os seres humanos". "A Unión Europea estivo a piques de prohibilo, finalmente aprobou unha moratoria que permite usalo até 2022", di López.

Nunha entrevista con Nós Diario, a investigadora Montserrat Díaz Raviña, do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas do CSCI (IIAG-CSIC), apuntaba algunhas das problemáticas que supón o glifosato. “Hai unha porcentaxe que pasa ás augas e hai estudos que demostran que é nocivo para a vida acuática. Outra queda retida no solo e degrádase, producindo compostos que poden ser máis tóxicos que o produto inicial”, expuña Díaz Raviña.

Á luz dos resultados, Ecoloxistas en Acción reclama a retirada dos produtos fitosanitarios que conteñan glifosato e demandan ao Estado, mais tamén á Xunta da Galiza, que a "recollida de información sobre presenza de praguicidas sexa máis completa e axustada á realidade" e que  sirva "para protexer os ríos, o medio e mais as persoas".  

Lindano nas augas do sur

Na Galiza, o glifosato non é o único composto químico con impacto na rede fluvial. Cristobal López lembra a presenza de lindano na demarcación Miño-Sil, concretamente no río Louro e na área do concello do Porriño. En 2017, detectáronse elevadas proporcións desta substancia nas traídas veciñais da parroquia de Torneiros. Entón, a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, Adega, recomendou que en 2020 os plans hidrolóxicos das dúas cuncas galegas incluísen estratexias para eliminar substancias perigosas ou tóxicas, dos que carecían.

O lindano é un pesticida canceríxeno que a empresa farmacolóxica Zeltia fabricou no municipio entre os anos 50 e 60. Un estudo encargado pola Xunta revelou que máis da metade dos 33 pozos, fontes, regatos e pozas analizadas amosaban contaminación por lindano. Adega solicitou información da confederación hidrográfica do Miño Sil, que revelou valores por enriba dos límites legais.

"Desde que en 1992 se ten coñecemento da contaminación por lindano, ben pouco se ten feito ao respecto, en 2020 a xente segue a vivir sobre os refugallos tóxicos, cultivando as leiras cos residuos de lindano, bebendo a auga contaminada e mesmo morando nos edificios construídos con materiais tóxicos e situados sobre os antigos vertedoiros", alertou Adega o pasado mes de xuño.