Demandan "transparencia" nas oposicións de Educación

Rolda de prensa do secretario xeral da CIG-Ensino, Suso Bermello. (Foto: Nós Diario)
A CIG-Ensino reiterou a exixencia da negociación de todas as prazas de ingreso, tanto de concurso como de oposición que anunciou a Consellaría de Educación para este 2022.

A convocatoria de oposicións en Educación anunciada na terza feira pola Consellaría de Educación está a ser criticada a nivel sindical. Esta cuarta feira, a CIG-Ensino realizaba unha rolda de prensa na que o seu secretario xeral, Suso Bermello, resumía a valoración da  organización afirmando que "non se pode negociar a cegas e por partes". 

Bermello amosouse crítico coa tramitación da modificación da norma que rexe o ingreso á docencia no ensino público ao considerar que non se tiveron en conta as achegas do sindicato. "O mundo ao revés é que un Ministerio que só xestiona o profesorado de Ceuta e Melilla impoña unilateralmente un cambio tan importante nun sector no que as competencias están transferidas", sinalou. 

Alén diso, mostrou o seu desacordo coa cifra de prazas de estabilización presentadas pola Xunta ao optar a Consellaría "por un criterio restritivo co que estamos en desacordo: computar as prazas ocupadas por persoal interino que se mantiveron como temporais desde antes de xaneiro de 2016".

A cifra sería "arbitraria" ao poder estar unha praza temporal ocupada un curso por unha profesora ou profesor interino e ao ano seguinte por un funcionario de carreira en expectativa". Por este motivo, defenden un criterio diferente que, polo informe interno do sindicato, duplicaría as prazas a ofertar por concurso. 

Aumentar as prazas

Na actual situación creada pola modificación que prepara o Ministerio -e que buscaría facilitar o acceso á función docente do persoal interino- e o anuncio da Consellaría, o sindicato nacionalista cre que se deberían pór enriba da mesa "todas as cifras que darán lugar aos diferentes procesos selectivos". Neste sentido, a CIG-Ensino pensa que a mellor opción para dar resposta "tanto ao persoal interino con longas interinidades como aquel con escasa antigüidade, así como a quen nunca traballou, é que as ofertas de procesos selectivos sexan diferenciadas e en ambos os casos con ofertas amplas".

Por este motivo indican que se deberían ter en conta as prazas de reposición (como as das xubilacións), as prazas de estabilización a través dun concurso de méritos excepcional e outro cun concurso-oposición extraordinario.

As probas de 2022

Após meses de incerteza, a decisión da Xunta foi optar por continuar co método tradicional. Isto implica que a oposición, nesta nova convocatoria, constará de dúas probas eliminatorias que conteñen dúas partes cada unha. Na primeira proba, unha parte será práctica e outra de desenvolvemento por escrito dun tema a escoller, segundo cada especialidade, entre 2, 3 ou 4 que saían.

As persoas que a superen pasarán á segunda proba que consta da presentación e defensa dunha programación didáctica, con posterioridade, e a preparación e exposición dunha unidade didáctica. A cualificación en cada unha destas partes vai de 0 até 10 puntos. No caso do concurso -aínda sen data de realización- o tribunal avaliará os méritos da persoa aspirante segundo o baremo da convocatoria. Neste caso contaría a experiencia docente, a formación académica e outros méritos.