Demandan a Feixoo "enfermeiros escolares" en todos os centros de ensino

A seguridade é unha prioridade neste atípico regreso ás aulas (Foto: Arxina).
A organización critica que os profesores e profesoras se vexan "obrigados a atender necesidades de saúde alleas ás súas competencias"

O sindicato de educación ANPE reclama do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a presenza de “enfermeiros escolares” en "todos os centros" públicos da Comunidade galega, porque é unha figura "imprescindíbel nas actuais circunstancias".

A través dun comunicado, a organización critica que os profesores e profesoras se vexan "obrigados a atender necesidades de saúde alleas ás súas competencias" debido á ausencia de profesionais sanitarios, o que tamén "pode prexudicar" á escolarización de nenos con doenzas "crónicas".

Neste mesmo sentido, ANPE tamén carga contra a figura dos equipos Covid dos centros, e insiste en que a súa coordinación "debe corresponder a un profesional sanitario, enfermeiro escolar, pois axudaría a supervisar o cumprimento dos protocolos, detectar posíbeis casos, realizar test a membros do centro" e "asesorar ás familias", entre outros.

Ademais, o sindicato sinala que "este servizo permitiría ofrecer unha boa educación en saúde aos mozos, que propiciaría a adquisición de hábitos de vida saudábeis en idades temperás e a redución de riscos de enfermidades futuras".