O Movemento Galego da Saúde Mental expón as súas propostas para erradicar as contencións na saúde mental

Contencións mecánicas denunciadas nunha protesta (Foto: MGSM).
A través dun documento, o Movemento Galego da Saúde Mental realizou varias propostas para a próxima elaboración dun plan de erradicación das contencións mecánicas nos servizos sanitarios.

O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) presentou nun documento marco varias propostas para a próxima elaboración dun plan de erradicación das contencións mecánicas nos servizos sanitarios de saúde mental. Nelas pide un maior compromiso tanto das institucións como da sociedade, unha revisión das políticas, máis investimento en recursos humanos e maior análises das situacións. 

Trátase dunhas directrices que, segundo explica o MGSM nun comunicado, alíñanse "coa Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, que foi ratificada polo Estado español en 2008 e que é de obrigado cumprimento”.

No caso da Galiza, denuncia que hai un "atraso inxustificado" nas medidas incluídas pola Xunta no Plan de Saúde Mental da Galiza 2020-2024.

Neste sentido, indican que tanto a ONU como o Consello de Europa alertaron nos últimos anos que, lonxe de diminuír, en Europa hai "un aumento xeral" no uso das medidas involuntarias de contención. Todo iso a pesar de que a Asemblea do Consello de Europa aprobou en 2019 unha resolución na que instaba os Estados membros a "pór fin á coerción en saúde mental". 

Desde o MGSM lembran que a Fiscalía Xeral do Estado emitiu en 2022 unha instrución para "vixiar" o uso das contencións mecánicas e farmacolóxicas en residencias e unidades psiquiátricas, así como buscar "alternativas" que respecten a dignidade das persoas.

As propostas

En canto ás propostas do documento, a primeira reclama "compromiso e liderado institucional" a través de declaracións expresas e cun "investimento decidido" con recursos. Ademais, demanda unha monitorización dos datos a través de rexistros oficiais e anónimos, que permitan recoñecer "con exactitude" as contencións que se realizan, a súa duración e as circunstancias que a rodean.

Tamén pide unha "revisión das políticas de prevención da contención e o illamento", tanto a nivel de recursos humanos como de espazos físicos en hospitais e residencias. 

Os últimos puntos inciden na "implicación" das persoas  usuarias dos servizos de saúde mental nos plans para erradicar estas metodoloxías, así como analizar cada episodio.