Demanda veciñal contra Abel Caballero

[Foto: Enersto Ilkerman]

A Asociación Veciñal de Teis presentou no Xulgado un escrito de conciliación no que exixen que se retracte das declaracións públicas nas que afirmaba que o convenio que reclamaba o colectivo era para “asuntos particulares”. De non o facer interporán unha querela por inxurias e calumnias contra o Alcalde. Vídeo no interior.

O Alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, podería enfrontar unha querela por inxurias e calumnias. A Asociación Veciñal de Teis fixo público esta mañá en rolda de prensa que o pasado 23 de xullo presentaron diante dos xulgados de Vigo unha demanda de conciliación previa á interposición da querela. 

No escrito, ao que tivo acceso Sermos Galiza, a entidade veciñal exixe ao primeiro edil da cidade olívica que se retracte e recoñeza a falsidade do que afirmou no programa “Diálogos co Alcalde”, emitido o pasado 16 de xuño na emisora local Televigo [Vídeo aquí]. No mesmo, Caballero lanzou graves críticas contra a asociación veciñal, a quen lle retirou o convenio económico de 55.000€ que recibía por realizar a xestión do centro cívico municipal situado no barrio e que agora pasa a estar xestionado por unha empresa privada. 

Algunhas das afirmacións verquidas polo Alcalde darían a entender que o convenio, reivindicado con numerosas mobilizacións veciñais, sería para “hacer asuntos particulares de ellos” (sic). “Quieren que les regalemos 55.000 euros para ellos, para su asunto particular” chegou a dicir. 

O colectivo veciñal xestionou desde 2002 até este ano o centro cívico municipal que hai no barrio, e que Caballero puxo agora baixo xestión privada.

Esta declaracións pretenden, en opinión da Xunta Directiva da asociación, “danar de maneira intencionada a reputación da asociación”. Para alén de negaren rotundamente as acusacións que se deducen da intervención televisiva de Caballero, lembran que o convenio que agora se lles nega foi subscrito desde 2002 até 2013 (Caballero é Alcalde desde 2007), e que en todos os casos foi “debidamente xustificado” diante da administración municipal.  “Abel Caballero, acude aos programas semanais de radio ou televisión que pagamos todos e todas  para  inxuriar ou a calumniar contra esta asociación ou calquera colectivo social, que sexa critico coa súa xestión municipal” denunciou o secretario da asociación, Anxo Igrexas.

Delitos graves

No caso de que Caballero non acceda á rectificación reclamada no acto de conciliación, o colectivo veciñal presentaría unha querela na súa contra por “inxurias e calumnias”. Unha demanda, que no caso de prosperar podería resultar nunha pena de prisión , de seis meses a dous anos, ou multa de seis a vintecatro meses, (calumnias graves con publicidade) á que se engadiría unha posíbel multa de 6 a 14 meses (por inxurias).

Aliás, desde a asociación manifestaron publicamente que non aceptan “leccións de honestidade de Abel Caballero”, dado que “inda non foi quen de explicar, logo de cinco meses, porque a policía rexistrou varias concellarías do Concello”, en referencia ao operativo xudicial desenvolvido o pasado febreiro nas dependencias municipais no marco da denominadas “Operación Patos” contra a corrupción.