Balance de criminalidade

Unha violación cada dous días: os delitos sexuais dispáranse na Galiza

As violacións medraron 30% o pasado ano na Galiza. (Fonte: Balance de Criminalidade 2023)
O pasado ano rexistráronse na Galiza un total de 811 delitos contra a liberdade sexual, o que representa unha repunta de 25%, dez puntos máis que no resto do Estado.

Até 25% medraron os delitos contra a liberdade sexual o pasado ano na Galiza. Entre xaneiro e decembro de 2023 foron, concretamente, 811 os feitos constitutivos de delito dos que tiveron constancia as autoridades, fronte aos 649 do ano anterior, a cifra máis alta dos últimos anos, segundo o Balance de Criminalidade publicado esta segunda feira polo Ministerio do Interior, actualizado cos datos referidos ao derradeiro trimestre do pasado curso.

E no que atinxe ás agresións sexuais con penetración, en 2023 constatáronse un total de 201 —a maioría delas, 59, no último trimestre, o que se traduce en case dous casos cada tres días—. Entre xaneiro e decembro de 2022 producíranse 155 casos de violación na Galiza, un 30% menos que ao longo do último exercicio.

O dato de 2023 é, de feito, o máis avultado desde que o Balance de Criminalidade debulla os datos de violencia sexual —2016—. Nos anos 2020 e 2021, marcados pola pandemia da Covid-19, rexistráranse 61 e 81 agresións sexuais con penetración, respectivamente, e no exercicio previo, un total de 93.

Ás 201 violacións reportadas en 2023 súmanse outros 610 delitos contra a liberdade sexual de diferente tipoloxía, que se incrementaron tamén a respecto de 2022, cando foran un total de 494 (+23,5%). No conxunto do Estado español estes delitos medraron igualmente, malia que en menor medida que no caso galego. Así, o pasado ano notificáronse até 19.981 feitos delitivos (+15,1%), dos que 4.875 foran agresións sexuais con penetración (+14,2%).

Até 24 anos de cadea por publicar vídeos sexuais sen consentimento

Precisamente esta segunda feira as autoridades xudiciais informaron do xuízo ao que será sometido a próxima quinta feira na Audiencia Provincial de Ourense un home acusado de publicar no ano 2020 na rede vídeos de contido sexual explícito de dúas das súas ex parellas, ás que gravaría sen consentimento por medio de  cámaras ocultas, así como dunha rapaza menor de idade á que coñeceu na rede social Instagram, en febreiro de 2019.

Tamén se lle atribúe a posesión de vídeos filmados a dúas mulleres perante unha cámara instalada nos baños dunha empresa de Ourense nunha data indeterminada, entre 2012 e 2016. Por todos estes feitos, constitutivos dos delitos continuados de descubrimento e revelación de segredos e de distribución de pornografía infantil e exhibicionismo, enfróntase a até 24 anos de prisión.