Os delitos sexuais subiron 22% na Galiza no ano 2021

As medidas de protección baixaron 5,92% en 2021 (Foto: Nós Diario).
O servizo de asesoramento xurídico en liña recibiu en todo o ano 46 consultas, 45 delas feitas por mulleres

Os delitos contra a liberdade e a intimidade sexual aumentaron 22,63% na Galiza durante o ano 2021, pasando de 547 en 2020 a 707 o ano pasado. Estes datos foron proporcionados onte pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lourenzá, que compareceu para informar dos datos de 2021 relativos á violencia de xénero que cualificou de "realmente preocupantes".

Segundo trasladou Lorenzana, as denuncias por violencia de xénero no país aumentaron 2,97% o ano pasado, até as 6.259. Pola contra, as medidas de protección ditadas polos xulgados baixaron 5,92%, pasando de 1.131 en 2020 ás 1.064 de 2021 Así mesmo, o pasado ano houbo unha vítima mortal na Galiza, o caso de Mónica Marcos, de 52 anos, asasinada na cidade da Coruña.

"A punta do iceberg"

En todo caso, a conselleira destacou que, a pesar de se tratar do máis dramático, os asasinatos de xénero son "só a punta do iceberg" da violencia de xénero, e lembrou que, "detrás de cada un destes datos", hai mulleres e nenos que "están a sufrir".

En canto ao teléfono de atención á muller, Lourenzá apuntou que se recibiron 3.180 chamadas, 4,68% menos que o ano anterior. A información máis solicitada, case na metade dos casos, foi "a atención psicolóxica, seguida da información de recursos económicos".

Tamén, o servizo de asesoramento xurídico en liña recibiu en todo o ano 46 consultas, 45 delas feitas por mulleres, sobre todo sobre asistencia xurídica gratuíta, e os Centros de Información á Muller tiveron 1.180 consultas específicas por violencia de xénero.

A postura de Feixoo

Preguntada acerca da posición do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, en relación á recente polémica sobre a súa postura con respecto da violencia de xénero e da violencia  intrafamiliar, a conselleira de Emprego e Igualdade afirmou que o líder do Goberno galego "non ten nada que demostrar con respecto a isto".

"O Goberno, o presidente e o PP temos claro que é a violencia de xénero, a violencia machista, e loitamos contra ela", apuntou a conselleira, que vinculou esta situación ao "foco mediático" que se pon sobre "cada palabra de Núñez Feixoo", finalizou a conselleira.