Os delitos contra o medio ambiente repuntaron até 2.708 o pasado ano

Verteduras contaminantes en Bouzas, Vigo, a comezos de ano. (Foto: Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo-Cíes).
En 2022 realizáronse 6.708 inspeccións que derivaron neses case 2.800 expedientes de denuncia por verteduras e outros delitos relacionados coa contaminación.

O pasado ano a Policía Autonómica realizou máis de 6.700 inspeccións e tramitou case 2.800 denuncias relacionadas con delitos contra o medio ambiente, segundo vén de informar o Goberno galego. As actuacións están relacionadas co control de produtores e xestores de residuos sólidos, de verteduras líquidas, da localización e erradicación de entullos ilegais, as inspeccións e controis de puntos limpos, o transporte e reciclado de aceites vexetais, a caza e a pesca ou o urbanismo.

En concreto, segundo a Xunta, ao longo de 2022 formuláronse 2.708 denuncias fronte ás 2.697 do exercicio anterior, o que supón un incremento de 6%. No que se refire ás inspeccións, aumentaron en 12%, ao pasar de 5.993 a 6.708.

Por tipoloxías, realizáronse 1.694 inspeccións relacionadas con residuos que deron como resultado 1.516 infraccións. Trátase do control das industrias que poidan producir residuos sólidos ou líquidos de tipo estándar, que necesariamente teñen que ser reciclados a través de xestores autorizados, para impedir que poidan ser eliminados sen control e, en consecuencia, que poidan alterar as condicións de calquera hábitat.

Inspeccionáronse os residuos sólidos e líquidos das obras de construción; residuos domésticos; os puntos de recollida de plásticos agrícolas, dependentes dos concellos; a comprobación de que as rodas dos turismos rematan a súa vida útil nos xestores autorizados e o abandono de vehículos en zona forestal ou en zonas nas que se transforme nun elemento contaminante ou nun risco engadido ao comezo ou propagación dos incendios.

Do mesmo modo, tamén se inspeccionaron os lodos orixinados na industria agroalimentaria e os talleres de reparación de automoción produtores de residuos contaminantes ou os puntos dedicados ao despezamento de turismos, entre outros.

Unha de cada tres verteduras perigosas do Estado, na Galiza

Nós Diario informaba recentemente de que a Galiza concentra unha de cada tres verteduras industriais perigosas de todo o Estado español, con perto de 360 millóns de metros cúbicos ao ano dos máis de 2.350 millóns de metros cúbicos de verteduras industriais autorizadas.

A propia Xunta da Galiza vén de permitir unha desas verteduras, neste caso augas residuais depuradas procedentes da explotación mineira de San Finx, en Lousame (comarca de Noia), e con destino ao río Pesqueiras, unha decisión adoptada por Augas da Galiza que topou coa oposición de diferentes colectivos sociais e ecoloxistas.