Os delitos contra a liberdade sexual medran case 30% na Galiza en 2023

Manifestación polas rúas de Santiago o pasado 8 de marzo. (Foto: Arxina).
Os roubos con violencia e intimidación aumentaron 18,3% e os roubos con forza en domicilios, estabelecementos e outras instalacións creceron un 16,3%, pouco menos que os furtos -+16,8%-. As subtraccións de vehículos subiron 4,7%.

Os delitos contra a liberdade sexual foron os que máis creceron na Galiza no primeiro trimestre de 2023, 29,7%, seguidos dos delitos relacionados co tráfico de drogas, que experimentaron unha alza de 27,7%.

Así o reflicte o balance de criminalidade do primeiro trimestre do ano, publicado polo Ministerio do Interior, e no cal se destaca que, en termos globais, a criminalidade convencional se mantivo estábel na Galiza con respecto ao ano anterior.

En concreto, neste período rexistráronse 17.506 delitos convencionais, case a mesma cantidade que os 17.492 do mesmo período do ano pasado.

Entre eles, os que experimentaron un incremento máis importante foron os relacionados coa liberdade sexual, que creceron 29,7%, de 148 a 192. En canto a subtipos, as violacións con penetración aumentaron 10,3%, até as 43; e o resto de delitos 36,7%, até 149.

Do mesmo modo, creceron 27,7% os delitos de tráfico de drogas, que alcanzaron os 120, e producíronse dous secuestros -ningún o ano anterior- e tres asasinatos, a mesma cifra que en 2022.

Os roubos con violencia e intimidación aumentaron 18,3% e os roubos con forza en domicilios, estabelecementos e outras instalacións creceron un 16,3%, pouco menos que os furtos -+16,8%-. As subtraccións de vehículos subiron 4,7%.

Os delitos que descenden

En canto aos delitos que descenden, os máis significativos son os homicidios e asasinatos en grao de tentativa, que baixan 23,5%, os delitos graves e menos graves de lesións e rifa tumultuaria, que caen 4,9%; e o resto de criminalidade convencional, que cae 8,5%.

A cibercriminalidade na Galiza experimenta un importante descenso de 29,5%, ao pasar de 6.935 delitos entre xaneiro e marzo de 2022 a 4.887 delitos. As ciberestafas son as que máis diminúen.