Os delitos de abuso sexual a menores de 16 anos aumentaron un 64% na Galiza

Miguel Ángel Santalices e Fernando Suanzes, esta segunda feira, na Cámara galega. (Foto: Parlamento)
O fiscal superior presentou no Parlamento a memoria de 2021.

Os delitos sexuais aumentaron na Galiza en 2021. Ese ano incoáronse 1.614 delitos sexuais, unha media de 4,4 cada día, o que significa 465 máis que no exercicio anterior, 2020, un ano marcado pola pandemia da Covid. Son datos da Memoria da Fiscalía Superior da Galiza correspondente a 2021 e que onte entregou o fiscal superior, Fernando Suanzes, no Parlamento galego. Un trámite que terá continuidade cunha futura comparecencia do fiscal en novembro na Cámara galega.

A memoria recolle como o aumento máis importante en porcentaxe dentro da categoría de delitos sexuais corresponde aos delitos incoados por abusos sexuais a menores de 16 anos: 169, o que vén resultando nunha media de dous cada día. En 2020 foron 103, 66 menos que en 2021. O aumento entre ambos os dous exercicios foi de 64%. Este tipo de delitos sobre menores de 16 anos supón xa un de cada 10 delitos sexuais na Galiza.

Houbo, tamén, un aumento nas agresións sexuais a menores desa idade, que pasaron de 38 (2020) a 40 (2021), unha suba de 5%. O que descendeu, segundo este informe da Fiscalía, son os acosos a menores a través de telecomunicacións (-28%) e o emprego de menores con fins pornográficos: incoados 58 delitos en 2020 fronte a 38 en 2021.

Por abusos sexuais en 2021 iniciáronse 575 trámites de delito (30% máis que en 2020) e por agresións sexuais, 472 (o que supón 41% máis).

Violencia sobre a muller

A Fiscalía Superior debulla na súa memoria de 2o21 a situación xudicial e procesal da violencia de xénero na Galiza. Así, indica que as denuncias presentadas nese ano por esta cuestión foron 6.259, o que supón 162 máis que en 2020 (+2,66%). Porén, son 292 menos que en 2019, exercicio pre-pandemia.

Segundo resulta da estatística xudicial, esas denuncias de 2021 concretáronse principalmente a través de atestados policiais, concretamente un total de 5.737 (91,66% dos casos), ben con denuncia da vítima (5.107), denuncia dun familiar (116) ou por intervención policial directa (514).  Outras 280 denuncias (4,47% do total) foron partes médicos de lesións recibidos directamente no xulgado; 155 foron denuncias presentadas pola vítima no xulgado; e, finalmente, outras 86 denuncias procederon dos servizos de asistencia ou terceiros en xeral. 

Diferentes tipoloxías

Os delitos máis representativos cuantitativamente no que respecta á violencia de xénero son, segundo o documento da Fiscalía Superior, os de "maltrato ocasional": 3.055 dos casos incoados, 60% do total. A seguir figura o "quebrantamento das medidas cautelares/de condena", con 785 delitos incoados. 

O "maltrato habitual", con 773 casos, as "ameazas", 125 delitos incoados, ou os delitos de "acoso e intimidación", con 63; completan esta listaxe.

Ciberdelincuencia

Os delitos informáticos son outro dos apartados da memoria, que recolle que en 2021 aumentaron as Dilixencias de investigación penal (DIP) por estes ilícitos na Galiza en 200%, ao pasar de 10 en 2020 a 30 casos no ano seguinte.

A Fiscalía aprecia unha "recuperación" da criminalidade

A Fiscalía alerta unha recuperación do índice de criminalidade após a caída rexistrada como consecuencia da pandemia da Covid-19, especialmente nos delitos contra o patrimonio e de orde socioeconómica. Así o destacou o fiscal superior da Galiza, Fernando Suanzes na entrega da memoria de 2021 ao Parlamento, informe que reflicte un aumento da taxa de criminalidade. Isto, segundo Suanzes, débese á recuperación da normalidade após meses de medidas restritivas motivadas pola crise sanitaria.

Con todo, o máximo responsábel da Fiscalía emprazou á súa comparecencia en novembro  na Cámara para detallar polo miúdo o contido do informe e que servirá, ademais, para analizar as prioridades de actuación, centradas na loita contra os delitos contra a muller, a corrupción, menores e ciberdelincuencia.