INVESTIGACIóN DO 'DEFENSOR DEL PUEBLO'

Delegación do goberno nega que en ‘La Vuelta’se identificase por levar bandeiras nacionalistas

Organizacións e colectivos denunciaron no paso da proba ciclista por Galiza identificacións e ‘cacheos’ da policía por levar simboloxía nacionalista.

A Delegación do Goberno español negou ao Defensor del Pueblo que durante o paso de ‘La Vuelta’ por Galiza se producisen identificacións de persoas por levar estas bandeiras nacionalistas. Desde ‘Dereitos Civís’ sinalan que a Delegación negou que houbese persecución á simboloxía nacionalista.

Mais a comezos de setembro, nas etapas de ‘La Vuelta’ por Galiza, diversas organizacións e colectivos denunciaron identificacións policiais por levar bandeiras galegas. Así, o 10 de setembro o BNG denunciaba que seis militantes seus foran identificados na Coruña na xornada de paso da proba ciclista por levar “simboloxía nacionalista”. E desde Causa Galiza denunciaban publicamente naquela altura a “identificación e agresión” dun seu militante cando tentaba pendurar unha faixa no paso de La Vuelta. 

Na anterior edición de ‘La Vuelta’ (2013), que tamén tivo etapas que transcorreron polo noso país, tamén houbo identificacións de persoas que levaban bandeiras nacionalistas ou ben por amosar faixas co lema ‘Galiza non é España’

Dereitos Civís impulsou unha campaña perante o Defensor del Pueblo na que sinalaban que “as identificacións, limitacións á circulación e o requisado de simboloxía nacionalista é un atentado á liberdade ideolóxica” e que estas eran prácticas que en Galiza se producen.