"Deixa os teus órganos ao final do camiño para que outras persoas poidan rematar o seu"

Acto simbólico dos socios e socias de Asampo á praza do Obradoiro (Foto: Nós Diario).
"Todos somos receptores, mais non todos doantes", di o presidente de Asampo, que por mor da pandemia organizou este ano unha 'Pontevedrada' atípica sen a tradicional marcha nocturna de Pontevedra a Compostela.

A Asociación de Amigos da Pontevedrada (Asampo) leva desde 2011 reivindicando a importancia da doazón de órganos a través dunha acción simbólica, a Pontevedrada, que consiste en percorrer, pola noite e de forma ininterrompida, os 67 quilómetros do Camiño de Santiago desde a praza da Ferraría de Pontevedra até a praza do Obradoiro da capital galega.

Comezaron sendo dúas persoas, nunha convocatoria pouco exitosa. Na segunda edición xuntáronse 54; na terceira, 300; na cuarta, 600, e así até sumar 1.500 na marcha máis multitudinaria, a de 2019.

En 2020 o evento suspendeuse por mor da pandemia, e este ano o toque de recoller fixo imposíbel retomalo. Porén, a Covid-19 non puido derrotar o espírito solidario das e dos membros de Asampo e unha vintena de socios decidiron organizar un acto simbólico na praza do Obradoiro para continuar o seu labor de concienciación social.

Así, este domingo desprazáronse á praza do Obradoiro co seu fito peregrino que marca o "quilómetro cero". A mediodía deron os tradicionais tres toques de bucina que indican o inicio do percorrido, e, a continuación, os tres golpes de báculo na cuncha pétrea do quilómetro cero, que normalmente son sinónimo da fin da marcha nocturna.

"Todos somos receptores, mais non todos doantes"

En 2019 Galiza bateu o seu récord histórico de doazón de órganos, cunha taxa de 50,6 doantes por cada millón de habitantes, a terceira máis elevada do Estado. O pasado ano, durante a pandemia, este dato caeu dez puntos até situarse en 40 (ficando, aínda así, por riba da media estatal). Tamén baixaron, en consecuencia, os transplantes (-7%).

Malia todo, o número de doazóns podería ser aínda maior. "Queremos difundir e dar a coñecer a importancia de doar sangue e órganos. O noso lema é 'deixa os teus órganos ao final do camiño para que outras persoas poidan rematar o seu', porque con ese xesto podemos salvar vidas", expón, en conversa con Nós Diario, o presidente de Asampo, Fran Pérez-Mirás.

"É moi importante ser doador ou doadora de órganos, e sempre o recalcamos, porque todos somos receptores, mais non todos somos doantes", di, e salienta que "malia que todos temos que morir, debemos contribuír a facer o máis levadeira posíbel a estadía de todas as persoas".