Detida unha veciña de Tui como presunta autora dos lumes que calcinaron 21 vehículos na madrugada desta segunda feira

Varias persoas observan algúns dos vehículos calcinados na madrugada desta segunda feira en Tui. (Foto Gustavo de la Paz / Europa Press)

Unha disputa familiar podería estar detrás das causas do suceso.

A Garda Civil detivo na tarde desta segunda feira unha muller como presunta autora dos incendios que calcinaron un total de 21 vehículos na localidade de Tui (comarca do Baixo Miño) durante a madrugada do domingo á segunda feira.

Segundo fontes da Garda Civil, a agora detida trátase dunha veciña do municipio de 52 anos de idade. Foi grazas ao visionado das cámaras de seguridade que os axentes puideron pescudar a identidade da muller.

As primeiras informacións apuntan a que unha disputa familiar podería estar detrás das causas do suceso. Aínda que non se descartan outras hipóteses, polo momento as investigacións suxiren que actuaría soa.

Por todo iso, previsibelmente a muller pasará esta terza feira, 21 de marzo, a disposición xudicial.

Feitos

Un total de 21 coches acabaron calcinados na madrugada deste segunda feira en Tui. Tal como informaron fontes do Concello e do 112 Galicia, foi minutos antes das catro da mañá cando se tivo constancia do primeiro lume. A persoa que chamou aos servizos de emerxencias indicou que había tres vehículos ardendo na Praza da Armada.

A partir de aí, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia comezou a recibir un número incesante de chamadas desde diferentes rúas da zona vella describindo un escenario similar.

Minutos despois, outro alertante aseguraba que un automóbil ardía moi próximo a unha casa, afectando as lapas ao inmóbel, que queimaron unha xanela, unha porta e un canlón de recollida de auga.

Por todo iso, deuse aviso a medios de ambos os lados da raia, mobilizándose os bombeiros de Valença e os do Baixo Miño e Ponteareas, ademais dos GES de Mos e voluntarios de Protección Civil de Tui, de Salceda e de Tomiño. En total, contabilizáronse 21 vehículos calcinados en cinco puntos distintos.

Tras apagar os lumes á primeira hora desta mañá, os axentes comezaron a traballar sobre o terreo para extraer conclusións do sucedido e na tarde detívose a unha muller como presunta autora dos feitos.