INFORME SOBRE O ESTADO DOS RíOS GALEGOS

Continúa a degradación dos nosos ríos: só entre 35 e 40% dos bosques de ribeira están ben conservados

Un total de 322 grupos de voluntarios tomaron parte en 2015 nas inspeccións para testar a saúde dos ríos galegos. Unha iniciativa que se enmarca no 'Proxecto Ríos' da Asociación ecolóxica para a defensa de Galiza.

O informe do estado de saúde dos ríos galegos que presenta o Proxecto Ríos facilítanos unha fotografía do seu estado ecolóxico en base as análises realizadas durante as campañas de primavera e outono polo voluntariado participante.No 2015 foron 322 os grupos os participantes. Das súas análises e inspeccións despréndese, indican Adega, que hai unha diminución na porcentaxe de ríos en 'moi bo estado' tanto na primavera como no outono. Analizando o estado bo dende o 2012, obsérvase un aumento paulatino, que está directamente relacionado coa diminución do estado moi bo. Hai, pois, un trasvase de ríos do estado moi bo ao estado bo, “e polo tanto constatase unha certa degradación da calidade dos ríos que se atopaban en un moi bo estado de saúde”.

No que atinxe os treitos que teñen 'calidade moderada' , mantéñense nos niveris de 2012 e 2013. Os treitos con 'calidade deficiente' volven a valores próximos aos anos 2011 e 2012.

Estes valores corresponden cos ríos Ouro (Alfoz) e Sil (O Barco) en primavera; en outono os ríos con saúde deficiente foron o Sar (Santiago), tres treitos do Mero (Cambre), e os ríos Limia (Xinzo), Gafos (Pontevedra) e Belelle (Neda).

Bosque de Ribeira

Nestas inspeccións tamén se inclúen os bosques de ribeira, sinalando Adega que nestes anos comp´robase unha tendencia “cara á degradación das marxes dos nosos ríos”. Así, indícase nas conclusións do informe, apenas se atoparon en bo estado de conservación o 35%-40% das masas de árbores do bosque de ribeira. Apréciase un aumento das marxes 'moi degradadas' cun 20% en primavera e case o 25% en outono. As marxes moi degradadas medran a expensas das que posúen alteracións importantes, o que indica que as marxes con alteracións importantes evolucionan cara a degradación en vez de cara a recuperación. Os treitos estudados coas dúas marxes moi degradadas correspóndense cos ríos Corgo, Lagar, Sarela, Gallo, Valdexería , Mero, Gafos, Louro, Pontiñas, Tella, Tea e Limia.