Un “deficiente” para a sanidade galega no exame dos seus servizos sanitarios

En cinco anos Galiza caeu cinco postos en calidade e satisfacción cos servizos sanitarios, valorados nun documento pola Federación de asociacións para a defensa da sanidade pública (Fadsp).

Federación de asociacións para a defensa da sanidade pública (Fadsp) publica anualmente un informe no que radiografía e toma o pulso aos servizos sanitarios dos diferentes territorios no Estado español. Un documento que se elabora en base a datos concretos, como o gasto sanitario per cápita, número de camas por habitante, duración de listas de agarda, entre outros.

 

Galiza baixa neste último informe (2018) tres postos no taboleiro que fai a Fadsp en base a todos estes criterios. A sanidade galega estaba de oitava en 2017 e agora está de décimo primeira. No informe de 2013 era o sexto territorio en calidade de servizos sanitarios. Abandona o grupo de “servizos sanitarios regulares” para pasar a facer parte dos “servizos sanitarios deficientes”.

 

As comunidades con mellor puntuación, e que lideran o grupo das que teñen mellores servizos sanitarios, son Euskadi e Nafarroa, con 94 e 83 puntos respectivamente, segundo os baremos da Federación. Galiza ten 71 puntos (5 menos que o ano pasado), a 23 do territorio mellor valorado.

 

Recortes

 

Desde 2009 os servizos sanitarios públicos sufren unha “agresión continuada” cun proceso de recortes moi graves. “Entre 15.000 e 21.000 millóns de euros menos de orzamentos anuais”, informan estas asociacións de defensa da sanidade pública.

 

Na radiografía que fan da sanidade galega, indican que a Xunta destina perto do 6% do gasto sanitario a contratar con centros privados. O orzamento sanitario por habitante é en Galiza de 1.380 euros. Cantidade inferior aos perto de 1.350 de media no Estado español. Son case 20 euros menos por habitante.

 

O noso rexistro é de 3,6 camas por cada mil habitantes. Outro indicador que se inclúe neste documento é a porcentaxe de xenéricos sobre total de envases e que en Galiza é de 37% fronte aos, por exemplo, 44% de Euskadi e Andalucía.

 

Á hora de valorara a satisfacción da cidadanía dos diferentes territorios coa súa sanidade pública,  a galega dá 6,6 (nunha escala de 0 a 10)