Defensor del Pueblo inicia expediente perante a Garda Civil polas detencións da 'Operación Jaro'

Unha das detencións realizadas no marco da 'Operación Jaro' Imaxe: TVG

A actuación do órgano prodúcese a raíz dunha queixa de 'Dereitos Civís' por “incumprimento da legalidade vixente” no que atinxe á identificación dos axentes que procederon aos arrestos de 9 militantes independentistas.

O Defensor del Pueblo deu comezo a un expediente perante a Garda Civil en relación ás detencións da 'Operación Jaro', o operativo ordenado pola Audiencia Nacional e executado polo Instituto armado no que se detivo 9 membros de Causa Galiza. O motivo do expediente, segundo confirmaron a Sermos Galiza desde a plataforma Dereitos Civís, é que os axentes que tomaron parte no operativo non portaban a obrigatoria identificación. “Neste tipo de operacións, a persoa albo da detención non pode ficar en indefensión absoluta”, sinalan, pois os axentes adoitan ir encarapuchados. Poñen un exemplo: de se dar un caso de mao trato na detención, a quen denuncia o detido? Carece de calquera referencia para identificar ao presunto responsábel.

Dereitos Civís presentou por estes feitos unha denuncia na Garda Civil, “que nin sequera a tramitou”, e tamén unha queixa perante o Defensor del Pueblo por entender que os axentes “vulneraron a legalidade vixente” e que “incumpriron unha recomendación do propio Defensor” de levar as identificacións en todo tipo de operativos. DDCC afirma que “non hai xustificación algunha para non levala”, e indica que así o ratifican resolucións da Unión Europea e do Defensor del Pueblo.

A través deste expediente, o Defensor del Pueblo pide á Dirección xeral da Garda Civil que explique os motivos polos que os axentes non levaban a obrigatoria identificación. “Teñen que levar o número en zona visíbel”, retieran desde DDCC.