O Defensor do Paciente leva á Fiscalía os atrasos nas citas de Oncoloxía do CHUS por ver "un delito"

As pacientes ante a Valedora do Pobo (Foto: Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS)
Apunta directamente á responsabilidade da Xunta da Galiza.

A Asociación Defensor do Paciente solicitou á Fiscalía Superior de Galiza que investigue os atrasos nas citas para consultas no servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), por considerar que pode haber "un delito".

En concreto, a asociación que preside Carmen Flores faise eco da denuncia pública que varias das persoas afectadas polos atrasos, debidos a problemas de persoal -segundo recoñeceu a Xerencia do hospital-, e subliña que estas revisións "son sagradas" ao tratarse de enfermidades oncolóxicas.

"Chove sobre mollado neste abandono ", engade o Defensor do Paciente, que solicita a intervención da Fiscalía porque "cando se xoga con algo tan sagrado" como a saúde "é un delito".

De feito, menciona ao artigo 376 do Código penal, que expón que "o funcionario público que, abusando das súas atribucións, comete ou ordena, en prexuízo de alguén, un acto arbitrario calquera, será reprimido con pena privativa de liberdade non maior de dous anos" de prisión.

"O abandono  de funcións e o esquecemento dos cidadáns e profesionais está a chegar a límites dramáticos", prosegue a asociación, que apunta directamente á Xunta da Galiza por ser "a tónica habitual".

Recentemente, o Defensor do Paciente remitíu un escrito ao Fiscal superior da Galiza, Fernando Suances, mediante o cal o insta a investigar a “situación vergoñenta” dos colapsos no servizo de Urxencias do CHUS compostelán. Un escrito no que esta entidade adxuntaba a nova de Nós Diario recollendo a denuncia realizada pola Asociación de Pacientes e Usuarios do Hospital clínico da capital galega, “A neta dunha paciente de 90 anos en estado grave e que pasou varias horas sen ser atendida: “É intolerábel ao que estamos chegando”.

O Defensor do Paciente recibiu un total de 12.071 casos de presuntas neglixencias médico-sanitarias no conxunto do Estado español o pasado ano —1.540 menos que en 2022—, dos cales 602 foron con resultado de morte, o que supón 97 menos que en 2022. Os casos máis habituais producíronse por mala praxe: intervencións mal realizadas, altas precipitadas, atención deficiente, infeccións hospitalarias, atrasos en ambulancias, etc. Pero a principal razón débese ao erro de diagnóstico e a perda de oportunidade terapéutica. Por tanto, ao longo do ano reclamáronse 33 casos ao día de mala praxe médica.

Galiza é o sexto territorio do Estado con máis denuncias por neglixencia médica, con 651 casos; ou, o que é o mesmo, case dúas denuncias ao día