Defensor do Paciente insta a Fiscalía a investigar os colapsos nas Urxencias do CHUS: “Hai que xulgalos”

(Foto: Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS)

A presidenta desta entidade faise eco da denuncia da Asociación de Pacientes e Usuarios publicada en Nós Diario e na que se denunciaba a situación dunha paciente de 90 anos de idade.

O Defensor do Paciente vén de remitir un escrito ao Fiscal superior da Galiza, Fernando Suances, mediante o cal o insta a investigar a “situación vergoñenta” dos colapsos no servizo de Urxencias do CHUS compostelán. Un escrito no que esta entidade adxunta a nova de Nós Diario recollendo a denuncia realizada pola Asociación de Pacientes e Usuarios do Hospital clínico da capital galega, “A neta dunha paciente de 90 anos en estado grave e que pasou varias horas sen ser atendida: “É intolerábel ao que estamos chegando”.

Carmen Flores, presidenta do Defensor do Paciente, pide á Fiscalía que “non se inhiba”, pois a noticia “é realmente dolorosa, porque a atención (desatención sanitaria) é igual de dolorosos téñanse os anos que se teñan, deixar abandonado ou  sen atención a un ser humano é delito  e así hai que xulgalo a lei non di nada de idades”.

“Ante  o constante  abandono, o abandono de funcións  desprotexendo aos que lles pagan  os seus beneficios e soldos algo  parecen deixar  no  esquecemento  insistimos!! , profesionais está a chegar a límites dramáticos. Reiteramos que  parece ser a tónica habitual da Xunta da Galiza  ,aténdonos á grave noticia que acabamos de ver”, indícase no escrito.

O Defensor fundamenta a súa solicitude no artigo 262 da Lei de Axuizamento Criminal, pois “obríganos aos que polo seu cargo, profesión ou oficio tiveren noticia dalgún delito público a denuncialo inmediatamente ao Xuíz ou ao Fiscal”.

A  Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS (Hospital Clínico e Universitario de Santiago) denunciaba esta semana, unha vez máis a situación de colapso que se vive no servizo de Urxencias do complexo hospitalario da capital galega.

“A urxencias do CHUS estiveron colapsadas os días 14 e 15 de marzo, con decenas de pacientes que acoden a elas en demanda de atención aparcados nos corredores con colas que saían pola porta de entrada do servizo.

E a situación volveuse a repetir o día 18 de marzo (segunda feira). Ás 15 horas, 53 pacientes co ingreso asinado agardaban por unha cama en planta ocupando as zonas de traballo. Como consecuencia disto 23 pacientes graves estaban colocados no corredor central e colindantes en padiolas e cadeiras de rodas agardado horas a ser atendidos”. 

Unha mostra do “calvario” que padecen os pacientes nestas condicións é, indica esta asociación, o testemuño de M.E. neta e acompañante dunha paciente de 90 anos en estado grave que o día 18 de marzo ás 17:30 horas foi colocada no corredor de acceso do servizo e ás 21:38 horas aínda permanecía nel sen ser atendida. Manifesta a súa desolación e indignación afirmando literalmente, “Paréceme intolerábel o limite ao que estamos chegando no mais importante dunha sociedade, a Sanidade. Ao igual que a miña miña avoa están centos de pacientes”.