Defensor d@ paciente exixe que a fiscalía investigue de oficio a morte dunha muller en Urxencias

O organismo considera que podería concorrer "denegación de asistencia" após a paciente ficar 3h agardando sen ser atendida. Morreu na sala de espera


O Defensor d@ paciente solicitou que o fiscal xefe da Galiza, Carlos Varela, inicie unha investigación de oficio para "deputar responsabilidades" en relación á morte dunha muller no Complexo hospitalario universitario de Vigo (Chuvi). Após tres horas agardando no servizo de urxencias, non chegou a ser atendida.

O organismo tildou de "imperdoábel" que un ou unha doente falezan en Urxencias "sen a atención que necesita como ser humano e como enfermo" e apuntou cara a unha posíbel "denegación de asistencia". A muller foi valorada pol@ médic@, quen considerou que a súa doenza non revestía dunha gravidade tal que non puidese agardar na sala de espera a ser atendida. A paciente, que presentaba unha patoloxía cardíaca previa, morreu sen chegar a entrar nun box.

O Sergas abriu unha investigación para determinar se se cumpriron todos os protocolos propios do servizo de urxencias. Nun comunicado enviado á imprensa, rexeita que a falta de recursos e de profesionais traballando neste centro público, alén do colapso que sofren as Urxencias desde principios deste mes, tivesen nada a ver coa morte da muller.

Desde as filas da oposición, BNG e AGE exixen á consellaría de Sanidade unha explicación do acontecido e que o incremento no número de pacientes que cada día se atenden no Chuvi, d@s 500 ás 630, se complemente co incremento no número de profesionais que atenden o servizo de urxencias.