A defensa pide a nulidade do auto do xuíz Velasco que suspende a actividade de Causa Galiza

Manifestación contra a 'ilegalización' de Causa Galiza. Foto: GZcontrainfo

Presentou un recurso por cuestión de forma e de fondo perante a sala do penal da Audiencia Nacional.

A defensa de Causa Galiza recorreu perante a sala do penal da Audiencia Nacional o auto do xuíz Eloy Velasco polo que reiteraba a suspensión de actividades da organización independentista, por un ano e prorrogábel. O avogado Guillerme Presa confirmou que solicitaran “a nulidade do auto”, tanto por cuestións de forma como de fondo. Así, Presa informa que un dos elementos que cuestionan no recurso “é que o xuíz non respectou a orde que lle dou a sala do penal cando estimou o noso recurso”. Refírese á anulación pola Audiencia Nacional do primeiro auto de Velasco suspendendo as actividades de Causa Galiza, e obrigando a repetir a comparecencia.

"Os delitos de enaltecemento do terrorismo están moi perto dos delitos de opinión, e estes non deberían existir, é liberdade de expresión"

Segundo explica Presa, esa comparecencia tería que se repetir “en base ao artigo 544 da Lei de enxuizamento crimninal” e fíxose conforme ao artigo 570 do Código Penal. “É unha diferencia importante: o xuíz instructor non pode modificar unha decisión da sala do penal da Audiencia Nacional”, sostén o letrado da defensa dos independentistas. “O auto é nulo, o xuíz non fai o que se ordenou”.

Mais o avogado sinala que piden a nulidade do auto tamén por outras cuestións, como entender que “non existen indicios suficientes de delito”, polo que non se xustifica adoptar unha medida como é a de suspender as actividades dunha organización política. Presas coincide en que estamos nun certo momento no que dereitos e liberdades civís están baixo sospeita, e pon como exemplo as denuncias de delitos de enaltecemento do terrorismo, “que están moi perto dos delitos de opinión, e estes non deberían existir, é liberdade de expresión”.

"Vítimas futuras"

Entre os argumentos esgrimidos polo xuíz Eloy Velasco para suspender Causa Galiza está, textualmente no auto, “a protección de futuras vítimas”. O avogado da Defensa indica que sería "o propio xuíz" quen tería que explicar o recurso a tal argumento. Mais, explica, "todo delito ten unha vítima, real, potencial... e o xuíz xustifica a suspensión de Causa Galiza nun delito de enaltecemento do terrorismo".

Cómpre lembrar que os 9 membros da dirección de Causa Galiza encausados pola Audiencia Nacional reiteraron hai uns días a través dun comunicado que esta organización “atuou sempre com métodos legais ao serviço do Povo Galego e da causa independentista” e cualificaron  as acusacións da Audiencia Nacional como “ um disparate judicial e político destinado, exclusivamente, a impedir que trabalhemos politicamente”.