A defensa pide a absolución para os 2 composteláns xulgados por desordes após unha concentración solidaria

Concentración en 2013 pola liberdade de Senlheiro

A acusación pedía 5 anos de cárcere. "Ten castigar calquer tipo de movemento social, de contstación", afirma Nahuel, unha das acusadas. 

A defensa de Nahuel e Irati, os dous veciños de Compostela xulgados esta quinta feira acusados de desordes públicas após unha concentración solidaria en 2013, pediu a súa absolución. A acusación solicitaba 5 anos de cárcere para os dous, aos que responsabiliza dos incidentes acontecidos en xaneiro de 2013, unha vez finalizada unha concentración de solidariedade con Hadrián Mosquera ‘Senlheiro’, que acababa de ser detido acusado de facer parte de Resistencia Galega, e ao que se lle aplicaba a coñecida como ‘lei anti-terrorista’.

Antes do comezo do xuízo por volta de medio cento de persoas concentráronse ás portas do xulgado de Fontiñas en solidariedade para coas dúas persoas acusadas.  Xa na vista, e segundo persoas presentes na mesma, un  integrante dos servizos de información das forzas de seguridade do estado realizou un repaso polo compromiso e actividade política dos dous xulgados. En opinión do entorno dos acusados, as probas presentadas a respecto do día dos incidentes non son concluíntes nin vinculan a Nahuel e Irati (“ela nin estaba en Compostela ese día”) cos disturbios.

Finalizado o xuízo, Nahuel reiterou a súa inocencia e declarou a Sermos Galiza que este tipo de xuízos teñen a finalidade de “perseguir” e “castigar” calquera mínimo compromiso disidente na sociedade galega. “O estado español emprega a policía para ir contra os movementos sociais, como é o caso do independentismo”, afirmou.