Defensa do Patrimonio Galego denuncia un ‘trail’ por riba do castro de Santa Tegra

Imaxe dunha proba polo castro (Foto: Apatrigal)

“Os participantes na carreira ‘pisotearon’ as estruturas do xacemento castrexo, con total normalidade e impunidade”, denuncian.

“Escandaloso e intolerábel”. Así cualifican desde a Asociación de Defensa do Patrimonio Galego (Apatrigal) a proba de ‘trail’ que nun dos seus tramos atravesou o castro de Santa Tegra, un ben de valor histórico e patrimonial, cos participantes correndo por riba dos muros dos muros dos castros.

“Os distintos participantes na carreira pedestre ‘pisotearon’ as estruturas do xacemento castrexo, con total normalidade e impunidade Dubidamos das autorizacións que tiveron, pero consideramos que non é o modo de tratar o noso Patrimonio Cultural, nin un exemplo para os cativos”, sinalaron desde Apatrigal a través das redes sociais.

“Este tipo de eventos, segundo a Lei de Espectáculos Públicos, debe contar coa autorización municipal (o Concello é un dos patrocinadores) e da autorización de Patrimonio (que non a daría) Onde están os responsables?”, pregunta.

Por volta de 200 persoas participaron nesta carreira. O castro de Santa Tegra ten sido albo de diferentes comportamentos ‘incívicos’, como as merendas e festas que se teñen feito dentro do recinto e que tamén foron denunciadas por diferentes colectivos.

As carreiras a pé monte a través, denominadas agora ‘trail’, levan décadas practicándose na Galiza, na gran maioría das ocasións con respecto á contorna paisaxística, natural e patrimonial por onde decorren.

De feito, as principais denuncias e críticas por danos e destrución de patrimonio na Galiza diríxense contra a industria forestal, nomeadamente a ligada ao eucalipto.

Colectivos e organizacións alertan da gravidade e dimensión do problema: castros, mámoas, xacementos, destruídos nas tarefas forestais. Queren que xustiza e administración actúen.