Defensa do Común alega que a construción na Maestranza vulnera as normas de protección patrimonial

Concentración de Defensa do Común, o pasado ano, ante o Concello da Coruña contra a venda de parcelas na Maestranza (Foto: Nós Diario)

As entidades presentan alegacións e remiten aos acordos no Concello da Coruña e no Congreso dos Deputados.

Defensa do Común, xunto a unha vintena de entidades, presentou alegacións contra o estudo de detalle para a construción de dous edificios residenciais nos antigos terreos do Ministerio de Defensa na Maestranza, na Coruña. Así o anunciou esta quinta feira, 12 de agosto, o presidente de Defensa do Común, Manuel Monge, nunha rolda de prensa que contou con representantes de entidades veciñais, partidos e sindicatos. A principal alegación que fan é que o estudo non cumpre os acordos da corporación municipal da Coruña e do Congreso dos Deputados, ademais de non ter en conta os antecedentes históricos.

Lembran que en 2016 foi aprobada sen ningún voto en contra unha moción que pedía ao Ministerio de Defensa a devolución dos terreos do Campo da Estrada. Tamén en 2018 instouse a que o Ministerio de Defensa mantivese unha reunión co Concello da Coruña.

Monge pediu "coherencia", e dixo que non se pode ter "unha política na oposición e outra cando se goberna", referíndose tanto ao PSOE como ao PP. Doutra banda tamén considera que non se pode aprobar este estudo xa que habería que modificar o Plan especial de Protección e reforma interior de 2015, xa que as parcelas son de Ben de Interese Cultural (BIC) e forman parte do sistema defensivo, que está protexido pola Lei de patrimonio cultural da Galiza. Ademais sinalan que este Estudo de Detalle vulnera as normas de aplicación directa de protección patrimonial e da paisaxe litoral, xa que, argumentan, tería un impacto en ambos.

Segundo explicou Monge, entre as próximas medidas que tomarán as entidades estará "a presión" á Xunta para que non permita este Estudo de Detalle. Ademais, deixou tamén aberta a posibilidade de que as entidades acudan aos tribunais.