Defensa do Centro de Saúde de Seixo denuncia as consecuencias dos "recortes en persoal da Xunta"

Asemblea Veciñal na parroquia Ardán (Foto: Plataforma Centro de Saúde do Seixo).
Anuncian mobilizacións o 12 de agosto diante da Casa do Concello de Marín.

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 18 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, desenvolveu asembleas veciñais polas parroquias para informar “dos graves problemas na atención sanitaria á veciñanza previstos para o 15 de agosto polos recortes en persoal médico da Xunta” e, tamén, das mobilizacións “de resposta” que a Plataforma ten previstas.

A Plataforma rexistrou unha moción para ser tratada no próximo Pleno do Concello de Marín do 12 de agosto, para demandar que “o Goberno Municipal e a súa Alcaldesa se poñan do lado dos veciños e da sanidade pública, en vez facer seguidismo dos recortes do seu partido” e convocan unha concentración ás portas do Concello a partir das 19 horas da tarde. Desde a Plataforma sinalan que “en xullo, o Goberno municipal de María Ramallo votou en contra da moción da Plataforma que quería facer presión antes de que se producisen os recortes. Agora a situación empeorou no Centro de Saúde de Seixo, os recortes están aí, ao igual que no Centro de Saúde de Marín, polo que non se entende que o goberno municipal siga de costas ás reclamacións veciñais.”

Desde a Plataforma sinalan: “Levamos tempo advertindo do que ía pasar. Tanto o Conselleiro, como o xerente e a Alcaldesa tentaron enganar á opinión pública dicindo que o Centro de Saúde non ía fechar e acusaron á Plataforma de mentir. O Conselleiro non aclarou no Parlamento como se ía cubrir a xubilación e as vacacións dos facultativos porque xa tiñan en mente os recortes. Está claro quen mentía e non somos quen estamos defendendo unha atención sanitaria digna". 

Nese sentido, engaden “a estratexia do Sergas é ir fechando ou desmantelando consultorios pequenos para ir concentrando todo nos grandes núcleos, onde tamén hai recortes de persoal. Como o noso Centro de Saúde non poden fechalo ás bravas, queren ir acabando con el pouco a pouco.”

Dende a Plataforma sinalan que farán "todo o que estea na man para parar estes recortes” e non descartan a vía xudicial, porque, "de que serve que deixen o Centro aberto se non vai haber médico que nos atenda cando o precisemos? Como pode ser posíbel que unha veciña pida cita o 4 de agosto para axustar unha medicación de súa nai maior e lla dean para o 1 de setembro? É este o xeito de garantir a atención sanitaria que anunciou o Conselleiro no Parlamento?”

Desde a Plataforma anuncian que a partir do día 15 de agosto estarán axudando a cubrir as reclamacións que a veciñanza queira presentar polos recortes no persoal. Ademais, fan "un chamamento á veciñanza de Marín” a acudir á Concentración do 12 de agosto diante do Concello.