A defensa dos dereitos LGBT+ enche rúas no Día do Orgullo

Manifestación en Compostela polo Día do Orgullo. (Foto: Arxina)
A condena dos delitos de odio centrou as marchas

"Que viva o Orgullo!". Milleiros de persoas saíron esta cuarta feira á rúa para festexar o Día do Orgullo e facer balance dun "contexto de extrema inseguridade e crise económica" que agrava a situación dos colectivos máis vulnerábeis.

"A situación da nosa comunidade é cada vez máis precaria: é un feito que cada ano aumentan os delitos de odio en todos os recunchos, as agresións físicas e verbais. A discriminación é cada día máis palpábel, así como o ciberacoso", reflexionou o movemento LGBT+ tras se manifestar polas rúas de Compostela convocadas por Avante.

A comunidade queer aproveitou para celebrar os éxitos conquistados e avanzar "na loita polos dereitos" que aínda non  gozan en plenitude.

Unha loita que "non se detén" nin quere liderar en solitario, senón ao carón de colectivos que como o LGBT+ están a ser obxecto da "opresión e discriminación da sociedade patriarcal e capitalista": persoas racializadas, con discapacidade, sen fogar neurodiverxentes, feministas... "Queren facernos máis débiles para fracturarnos por dentro, e disolvernos para que non poidamos loitar", polo que chaman a reforzar unha irmandade capaz de non deixar "ninguén por detrás".

Discursos de odio

Baixo o lema 'Orgullo LGTB+: Revoltas do pasado, celebración do presente e conquistas de futuro' centos de persoas conmemoraron na Coruña os disturbios de Stonewall, nos que as protagonistas foron mulleres trans, racializadas e traballadoras sexuais.

Como en Compostela, Lugo, Ourense, Ferrol ou A Coruña as marchas convocadas polo asociacionismo LGBT+ puxeron en valor a aprobación da Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGBT+ que malia os avances que supón en materia de dereitos humanos aínda precisa melloras para a protección de migrantes, refuxiadas, menores ou non binarias.

Non podemos dar por feito que os dereitos conquistados xa son intocábeis, ao contrario, hai que defendelos con todas as nosas forzas

"Nesta semanas soubemos que unha das primeiras medidas que tomará o PP de Núñez Feixoo se chega ao goberno é a de derogar a coñecida como Lei trans, aprobada hai tres meses. Unha lei que outorga dereitos a milleiros de persoas de todo o Estado español e mellora as súas vidas, non só as das persoas trans, senón tamén do conxunto da comunidade LGBTI+. Polo que non podemos dar por feito que os dereitos conquistados xa son intocábeis, ao contrario, hai que defendelos con todas as nosas forzas", alentaron na praza de María Pita.

A crecente normalización dos discursos de odio desde diferentes institucións, partidos políticos, redes e medios de comunicación estivo moi presente en cada marcha do Orgullo. "Os dereitos da comunidade LGBT+ atópanse entre os primeiros en caer nas mans de gobernos reaccionarios", unha ameaza palpábel que seguirá a combater "desde as marxes da sociedade".