Defensa da Sanidade Pública cualifica de "irresponsábel" o complemento para médicos que traballen no Sergas e na privada

Facultativa do Servizo Galego de Saúde (Sergas). (Foto: Nós Diario)
A Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública considera que esta "desastrosa e irresponsábel medida" debería ser rexeitada "pola maioría do persoal" do Sergas.

A Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública (Agdsp) considera "discriminatorio" que a Consellaría de Sanidade permita, a partir de xaneiro de 2024, que os médicos que compatibilicen o seu labor no Servizo Galego de Saúde (Sergas) coa sanidade privada poidan cobrar o complemento específico.

Nun comunicado, a Agdsp manifesta o seu "máis enérxico rexeitamento" a que se abone este ‘plus’ considerado "de exclusividade" aos facultativos que exerzan tamén no sector privado, ao considerar que a Xunta busca "pagar favores e fraguar alianzas cunha parte do persoal sanitario".

Ademais, cualifica a medida de "discriminatoria", porque os médicos que só traballan na privada quedan "fóra desta subida", e advirte de que "viola de maneira flagrante" a lei de incompatibilidades.

De feito, este colectivo vincúlao coa proximidade das eleccións galegas -que salvo adianto, deben ser o próximo verán como moi tarde-.

O acordo da CESM

Trátase dun acordo que alcanzaron o Sergas e a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) para que, a partir do 1 de xaneiro de 2024, os facultativos que compatibilizan ambos os sectores poidan percibir o complemento nunha contía ata 180 euros menor que os que teñen dedicación exclusiva.

Foi un dos compromisos adquiridos pola Xunta para frear a folga de médicos do pasado mes de abril.

A Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública considera que esta "desastrosa e irresponsábel medida" debería ser rexeitada "pola maioría do persoal" do Sergas, polos sindicatos, polos partidos da esquerda e pola poboación.