Defensa da Sanidade Pública censura un recorte salarial que poida agravar a precariedade do persoal sanitario

Persoal sanitario (Óscar J. Barroso / Europa Press)
A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública considerra inxustificada calquera medida destinada a recortar os salarios das profesionais sanitaria.

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública lamenta as declaracións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, nas que despois de negar que vaia tocar o salario dos empregados públicos no que queda de ano, non descarta que haxa que recortar os soldos dos funcionarios no futuro, como xa anunciaron outros territorios a raíz da crise do coronavirus.

Trato inxusto

O xefe do Executivo galego afirmou a semana pasada que “calquera medida” dependerá dos presupostos do Estado e das aportacións ás comunidades autónomas. Con todo, desde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública deducen un “trato inxusto” para as traballadoras sanitarias que durante a pandemia se viron sometidas a un risco elevado ante a despreocupación da Administración “que atrasou a entrega de Equipos de Protección Individual (EPI) e a realización de probas diagnósticas o seu persoal, para descartar contaxios, ata o 25 de maio”.

O colectivo cualifica de “indignante” calquera pagamento que supoña reducir o soldo do persoal sanitario “como xa fixo tras a crise do ano 2008”. Así, censura que o Goberno de Feixoo dedicase “importantes recursos económicos a realizar 100.000 probas nunha enquisa mal deseñada e totalmente excesiva desde o punto de vista estatístico”. Consideran que se trata dun “dispendio de diñeiro público” que habería que paralizar, tamén, para evitar “a sobrecarga do persoal de enfermaría”.

Precariedade

Douta banda, critican “outra medida electoralista de custo inxustificado” como foi a repartición de máscaras co logotipo da Xunta da Galiza. A estas dúas decisión, suman “a paralización da actividade de plantas enteiras dos hospitais públicos, que precarizou a actividade asistencial das traballadoras, derivando as doentes aos centros privados en mans de multinacionais”. Unha factura, engade a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública que o Goberno galego “pretende que se pague cos fondos públicos do Estado, destinados a recuperar o Sistema Sanitario Público tras a pandemia”.