A Plataforma pola defensa de Corcoesto coñece sobre o terreo a loita da macedonia grega contra a megaminería

Unha delegación do colectivo galego viaxou até Halkidiki, zona ameazada cun proxecto de 317 quilómetros cadrados de concesións mineiras que inclúen explotacións subterráneas. A poboación oponse desde o primeiro momento.

Unha delegación da Plataforma pola Defensa de Corcoesto visitou a semana pasada 'Megali Panagia', unha localidade de Halkidiki na Macedonia grega, moi próxima á mina de Skouries. “Halkidiki éo terceiro destino turístico de Grecia”, lembran desde a plataforma, que afirma que o enclave vese ameazado cun proxecto de 317 quilómetros cadrados de concesións mineiras que inclúen explotacións subterráneas, “e a nova mina a ceo aberto en Skouries, que planea crear segundo á empresa un cráter de 700 metros de diámetro”. 

"Coa construción dunha enorme balsa de lodos vaise poñer en perigo a maior reserva de auga da zona contida no Kakkavos, e en definitiva o futuro sustentable da rexión”

Esta mina contou desde o primeiro momento coa oposición da poboación local, afirma o colectivo galego, das organizacións ambientais e cos informes negativos de organizacións científicas independentes. “Porén, esta oposición foi brutalmente reprimida e os informes científicos ignorados. Mentres tanto, producíronse diversos procesos tramposos e escuros de transmisión de dereitos mineiros, exencións ilegais de impostos, construcións de estradas privadas a cargo do estado, etc”. 

Perigos e riscos

A empresa empezou xa a súa actividade en distintos puntos da zona, con utilización de explosivos e escavacións, construción de balsas e instalación da maquinaria que precisan para levar a cabo o seu proxecto. “Está prevista a liberación de enormes cantidades de pó cargado con produtos tóxicos (metais pesados, arsénico e cianuro) que, proxectados para o aire a 700 metros de altitude, inevitablemente van caer cara atrás en terras agrícolas e en aldeas veciñas. Coa construción dunha enorme balsa de lodos vaise poñer en perigo a maior reserva de auga da zona contida no Kakkavos, e en definitiva o futuro sustentable da rexión”. 

"É agora precisamente, cando goberna Siryza, partido que abandeirou a loita contra a mina de Halkidiki, cando o proxecto mineiro está a avanzar máis a correr"

Durante a visita, a delegación galega puido ver sobre os terreos os efectos no territorio destas actuacións. “As persoas que se opoñen á mina en Megali Panagia informáronnos de que é agora precisamente, cando goberna Siryza, partido que abandeirou a loita contra a mina de Halkidiki, cando a súa loita está a verse máis comprometida e o proxecto mineiro está a avanzar máis a correr. Consideraron un grande erro delegar a loita nas organizacións políticas, e consideran que o importante é manter a loita continuada e directa do pobo”.