Defende a Galega

"Apagada informativa" na Radio Galega coa precampaña: "O nesgo dos contidos é comprobábel"

Estudio da Radio Galega.
O colectivo Defende a Galega denuncia un recorte no tempo dedicado á información n'A Crónica e o control dos contidos que se emiten nos boletíns, que ven "nesgados".

Ás portas dun novo 'Venres Negro', o que será nada menos que o número 284 desde que o persoal da CRTVG comezou a mobilizarse alá polo ano 2018 na defensa duns medios públicos de calidade e libres de toda manipulación informativa, o colectivo Defende a Galega denuncia unha "nova apagada informativa" na Radio Galega, ás portas dunhas eleccións ao Parlamento da Galiza aínda sen data pero que se convocarán nas vindeiras semanas.

Desde esta mesma semana, afirma o persoal agrupado no movemento dos 'Venres Negros', "un xefe selecciona as noticias dos boletíns matinais da radio pública". Un labor este que "desde sempre fixo un xornalista da redacción", lamentan. E o "nesgo" dos contidos elixidos, apuntan, é perfectamente "comprobábel" pola audiencia.

Tamén informan da redución do tempo dedicado aos boletíns, decisión que inclúe os da tarde, e o tempo dedicado á información no programa A Crónica das 20 horas, aseguran. "A cambio, máis opinión e entretemento. Información, para que?", ironizan.

A campaña do 23-X

Xa durante a campaña electoral de cara aos comicios xerais do pasado 23 de xullo, e sob o pretexto do inicio da programación de verán, a CRTVG reduciu a pluralidade nos faladoiros de actualidade política e mesmo eliminou os faladoiros da noite, suprimindo, así, as voces máis críticas co PP. Entre elas, a da directora de Nós Diario, María Obelleiro, que participaba nos faladoiros do Galicia por Diante.

A CRTVG fora daquela albo de críticas tanto pola cobertura electoral dos comicios do 23 de xullo, cun só debate na Galiza, emitido ás 10h da mañá, como pola fichaxe como colaborador do filósofo Pedro Insua, autor de libros revisionistas como 1942: España contra sus fantasmas e coñecido polos seus ataques furibundos contra o catalán, o galego e o euskera, dos que chegou a apuntar que "no debieran de ser oficiales".