Decretan prisión para o último detido polo asasinato de Samuel Luiz

Flores estragadas no lugar do asasinato de Samuel (Imaxe: Nós Diario).
O arrestado, que pasou esta cuarta feira a disposición xudicial, está investigado por un delito de asasinato, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG).

O titular do Xulgado de Instrución número 8 da Coruña decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, do último detido por, presuntamente, participar na brutal malleira a Samuel Luiz.

O arrestado, que pasou esta cuarta feira a disposición xudicial, está investigado por un delito de asasinato, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG).

A súa detención, por uns feitos ocorridos na madrugada do 3 de xullo no paseo marítimo coruñés, produciuse esta terza feira, de acordo cos datos achegados polo delegado do Goberno, José Miñones, que explicou que é un mozo, amigo dos arrestados.

Tras pasar a disposición xudicial esta cuarta feira pola mañá, acolleuse ao seu dereito a non declarar. No auto no que decreta o ingreso en prisión do sospeitoso, o xuíz afirma que existe risco de fuga.

Con esta última detención, no caso hai cinco adultos investigados, dos cales catro están en prisión provisional e unha muller en liberdade con cargos e con medidas cautelares. A eles, súmanse dous menores que se atopan, dada a súa idade, nun centro de internamento.

A noticia sae á luz horas despois de que se coñecese que Estados Unidos de América (EUA) pediu ao Xulgado de Instrución número 8 da Coruña información para determinar se permite o acceso ás mensaxes en redes sociais como Instagram ou WhatsApp dos detidos polo asasinato de Samuel Luiz. Polo tanto, nun primeiro momento denegou eses datos.

Así o confirmaron esta terza feira fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), despois de que por parte do xulgado se fixese un requirimento para ese efecto.