Decretan a corentena en aulas de gardarías de Negreira, Vigo e Compostela

Imaxe do restaurante de Rinlo. (Foto: A Cofradía)
Os gromos obligan a fechar a escola unitaria de Dodro. As consecuencias dos contaxios sucédense en toda a Galiza e non só nos centros educativos. Por exemplo, o restaurante A Cofradía, de Rinlo, tamén comunicou o feche durante 14 días polos positivos de varios dos seus traballadores.

Galiza segue a sumar casos de coronavirus nas escolas infantís e colexios poucos días despois de que comezara o curso nestas etapas educativas. Tras confirmarse positivos en centros de Pontevedra ou Carballo, por exemplo, hoxe soube que xa están en corentena dúas aulas de senllas gardarías en Negreira e Vigo.

En Negreira detectouse un positivo nunha clase de crianzas de dous e tres anos polo que foi preciso tomar as precaucións precisas para evitar máis contaxios.

O alcalde do municipio, Manuel Ángel Leis, confirmou que de momento as coidadoras da instalación foron sometidas ás PCR e deron negativo.

No caso de Vigo, Política Social informou dun confinamento para o alumnado e profesorado dun aula da Escola Infantil Lacaba, situada na avenida de Europa. Novamente o positivo foi dun menor dun grupo de nenas e nenos de dous e tres anos.

Como estabelece o protocolo de seguridade sanitaria, púxose en corentena a todos os nenos desa aula (11 menores) e á súa profesora, á espera dos resultados das probas PCR que se lles realizarán ao longo das próximas horas. No caso de que os resultados sean negativos, a volta ao colexio marcarase para o luns. 

Tamén se rexistraron positivos nun centro de Dodro, o que implicou o feche da escola unitaria na que foron detectados e hai outra gardaría afectada en Compostela. No primeiro dos casos, un alumno padece o virus polo que todo o estudantado -son 15 crianzas repartidas nos cursos de 4º, 5º e 6º de Primaria- tivo que ser posto en aislamento. Isto derivou no feche temporal do centro.

Na escola municipal de infantil de Salgueiriños, en Compostela, as probas detectaron un caso activo nunha alumna. Esta situación afecta a outras 13 crianzas e seis educadoras que tiveron contactos estreitos coa pequena.

Feches tamén en locais de hostalaría

Esta nova coincidiu coa comunicación por parte da xerencia do restaurante A Cofradía de Rinlo, na Mariña, de que o estabelecemento permanecerá fechado polo menos 14 días.

A decisión foi obrigada para "garantir a seguridade" da clientela e o cadro de persoal. Este negocio, moi concurrido nesta pequena localidade mariñeira, fixo probas a todas as empregadas e empregados aínda que "non presentaban ningunha sintomatoloxía". Porén, houbo varios positivos.

Segundo declaracións da área sanitaria a Europa Press, este gromo ten un total de seis casos asociados, malia que non todos están relacionados co estabelecemento de hostalaría.