Inmobilizan o produto

Activan alerta sanitaria por toxina en lata de atún da marca DIA

Atún

Catro persoas enferman ao inxerir unha ensalada rusa caseira elaborada con atún en lata en aceite de xirasol da marca Dia e elaborado por Frinsa na Coruña. A causa do brote é unha toxina botulínica presente na lata. A axencia estatal de seguridade alimentaria decreta alerta sanitaria. Este produto non se distribuíu na Galiza.

A Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición decretou un brote de intoxicación alimentaria causado por toxina botulínica, que se asocia ao consumo de conserva de atún en aceite de xirasol.

Detectouse nunha lata de atún distribuída pola cadea de supermercados DIA e elaborada por Frinsa do Noroeste, na Coruña.

Segundo indicou a propia axencia estatal, o produto corresponde a unha conserva de atún en aceite de xirasol formato RO 900, da marca DIA, con lote 19/154 023 02587 elaborado en Frinsa do Noroeste S.A. con data de consumo preferente 31/12/2022.

Informouse que a totalidade do produto foi distribuída pola plataforma DIA a estabelecementos de Asturias, Castela e León, Catalunya, Aragón, A Rioxa, Murcia, Nafarroa, Castela A Mancha e Valencia, onde se procedeu á inmobilización e retirada dos produtos afectados.

A confirmación da aparición da toxina no produto foi dada a coñecer esta sexta feira.

O Grupo DIA pediu esta sexta ás e aos seus clientes que adquirisen o lote de  atún en aceite de xirasol de 900 gramos fabricado por Frinsa 19/154 023, con data de caducidade decembro de 2022, que devolvan o produto na súa tenda máis próxima.

"Este lote de  atún fabricado por Frinsa foi retirado xa o 10 de agosto de todas as tendas por iniciativa de  DIA e de forma preventiva, após o aviso dunha posíbel contaminación por parte das autoridades sanitarias coas que  DIA estivo en permanente contacto", indica a cadea de supermercados.

Os casos detectáronse en Castela e León e os pacientes foron ingresados no Complexo Asistencial de Salamanca e de Zamora.


Comunicado da Xunta

A Consellaría de Sanidade afirma nun comunicado emitido que realizou inspeccións en Frinsa do Noroeste e non detectou "ningunha anomalía" no tratamento para as conservas, após verificar os controis de produción e os procesos de esterilización.

Asegura no comunicado que efectuou as inspeccións após recibir aviso da Axencia Española de Seguridade Alimentaria. Asegura que identificou "que todo o produto implicado foi fornecido" a DIA, empresa distribuidora, "non existindo máis existencias fóra dese distribuidor".