Decretada a alerta vermella pola calor na comarca de Valdeorras

Unha muller cun abano en Pontevedra durante unha vaga de calor (Foto: Elena Fernández / Europa Press).
Toda a Galiza fica afectada polas altas temperaturas 

Dado o aumento das temperaturas en toda a Galiza, o Goberno galego acordou esta segunda feira, 21 de agosto, declarar todo o país en nivel de alerta 1 (amarela).

Ademais, comarcas do interior como Chantada, Terra de Lemos e Quiroga, así como a zona do Miño na comarca de Ourense e nas comarcas do Condado e Paradanta e mais nas Rías Baixas estarán en nivel de alerta 2 (laranxa).

A comarca de Valdeorras, que atinxe os concellos de Vilamartín, Rubiá, O Barco, Carballeda, A Veiga, O Bolo, Larouco, Petín e A Rúa, estará en nivel de alerta máxima, o 3 (vermella).

Segundo a Xunta da Galiza, a situación meteorolóxica vai quedar caracterizada até a quinta feira pola masa de aire cálida que deixará temperaturas “moi elevadas”

Espérase que o día 24 descenda a temperatura, nomeadamente no litoral, onde comezarán as brisas e, con elas, as nubes baixas e néboas. Aínda así, os termómetros marcarán valores “altos”. “No interior seguirá a calor, pero xa con temperaturas por baixo dos 40ºC”. Agárdase, entre a sexta feira e sábado, “unha caída notábel das temperaturas que previsibelmente fará que remate este episodio de calor”.

A temperatura máxima: 38,9ºC en Vilamartín

O valor máximo de temperatura desta segunda feira rexistrouse en Vilamartín de Valdeorras, con 38,9ºC ás 16.20 horas. A continuación situouse Verín (38ºC ás 17.10 horas) e mais Rubiá (Valdeorras); Ribas de Sil (comarca de Quiroga) e Pantón (Terra de Lemos), os tres con 37,9ºC, ás 16.20, 16.50 e 18.20 horas respectivamente.

A Dirección Xeral de Emerxencias recomenda extremar as precaucións, especialmente entre os colectivos máis vulnerábeis, como persoas maiores, crianzas, persoas con enfermidades crónicas e tamén no caso de persoas que realizan traballos físicos intensos ou deporte ao aire libre.

Ademais, aconsella limitar a exposición ao sol, manter unha boa ventilación e ter en conta os cambios de temperatura. Insiste, tamén, na importancia de manter unha hidratación adecuada, tomar comidas lixeiras, cubrir a cabeza e evitar exercicios físicos prolongados ao sol. 

Ante calquera dúbida ou necesidade puntual, a Xunta da Galiza informa de que se pode consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal).