“Decorre o veo”: a Deputación da Coruña contra a explotación sexual

María Muiño.

Accións formativas con profesionais e unha iniciativa artística de denuncia son algúns dos elementos da campaña que rematará o 18 de outubro, "Día Europeo contra a trata de seres humanos".

"Decorre o veo da explotación invisibilizada" é o nome do proxecto que está desenvolvendo a área de Igualdade da Deputación da Coruña para a sensibilización e a acción colectiva contra a trata de mulleres, nenas e nenos e a explotación sexual.

Sensibilizar contra a trata e descubrir a súa existencia é o principal obxectivo do programa, indican desde a entidade. A iniciativa, aponta, busca facilitar ferramentas para abordar o fenómeno da trata e a explotación sexual ao persoal traballador dos Centros de Información á Muller (CIM) con accións formativas e creativas que rematarán cunha campaña artística de sensibilización que se fará público o vindeiro día 18 de outubro, "Día Europeo contra a trata de seres humanos".

"O que non se ve semella que non existe e esta é unha realidade que non se adapta á situación da trata de mulleres, unha explotación invisíbel coas que as institucións se teñen que comprometer activamente", sinala a deputada de Igualade da Deputación da Coruña, María Muíño.

Nas primeiras sesións, nas que participan traballadoras dos CIM da Coruña, Ames, Arteixo, Boiro, Carballo, Culleredo, Ferrol, Laracha, Muros, Negreira, Noia, Santa Comba, Teo e Zas, abórdase a trata desde un enfoque teórico, a situación na Galiza e ferramentas para recoñecer e axudar a mulleres vítimas de explotación sexual.

A representantes de MdM na Rede Galega de Loita contra a Trata Sexual, Gemma Blanco, técnica da área de violencia de Xénero de Intervención en Médicos do Mundo foi a encargada de impartir as dúas sesións o 19 de setembro e o 1 de outubro.

Na segunda fase do programa, coa mediación de 7H Cooperativa Cultural, as participantes deseñarán unha campaña de sensibilización artística arredor do fenómeno de trata nun traballo que será compartido con mulleres vítimas da trata que validarán o proxecto final.