Decorre a porta pechada a primeira sesión do xuízo por agresión sexual contra o xogador Santi Mina

Santi Mina a súa chegada aos xulgados de Almería. (Foto: Europa Press)
A Fiscalía pide oito anos de prisión para o dianteiro do Real Club Celta.

A primeira sesión do xuízo contra os futbolistas Santi Mina e David Goldar por unha presunta agresión sexual cometida en Almería en 2017 decorreu a porta pechada, após a petición compartida dos avogados de ambos acusados e da presunta vítima para preservar a "máis estrita intimidade" dos tres implicados.

O tribunal, despois dun receso de 3 minutos, acordou que a primeira sesión si tería lugar a porta pechada, mentres que as outras dúas previstas, que decorrerán a cuarta e a quinta feira, serán en audiencia pública, a pesar de que os letrados da vítima pediran que a totalidade das sesións foran de carácter pechado.

Neste sentido, a Fiscalía, encargada de formular acusación contra o xogador do Real Club Celta de Vigo, xa adiantara a súa conformidade para que, cando menos, a declaración da vítima decorrese a porta pechada "en caso de que a prexudicada o solicitara".

Asemade, tamén pediu para a moza presuntamente agredida o acompañamento de funcionarios do Servizo de Asistencia de Vítimas de Andalucía (SAVA), así como que a súa comparecencia puidese ter lugar por videoconferencia ou "algún outro sistema" capaz de "evitar a confrontación física" cos procesados.

Oito anos de prisión

O futbolista Santi Mina enfróntase a unha petición do Ministerio Público de oito anos de cárcere como presunto autor dun delito de agresión sexual recollido nos artigos 178 e 179 do Código Penal. Para David Goldar solicitou sobresemento; non así a acusación particular, polo que o cita a xuízo en calidade de testemuña. Á marxe da pena de prisión, o fiscal pide que se impoña unha medida de liberdade vixiada por un período de dez anos e que se lle prohiba achegarse a unha distancia inferior a 500 metros á vítima ou comunicarse con ela polo mesmo período de tempo.

Pola súa parte, a acusación particular interesa para ambos os acusados penas de nove anos e seis meses de prisión; a Mina sinálao como presunto autor principal, mentres que Goldar é acusado en calidade de "cooperador necesario". Subliña para ponderar a pena de cárcere solicitada a "violencia" e "intimidación" exercida dada a localización na que se produciu a presunta agresión, a pertenza e a superioridade física de ambos os futbolistas.

O escrito de cualificación provisional do Ministerio Público, ao que tivo acceso Europa Press, recolle que Mina accedeu na madrugada do 16 de xuño de 2017 a unha caravana estacionada nas proximidades dunha coñecida discoteca de Mojácar e en cuxo interior estaban "o seu amigo", o tamén futbolista galego David Goldar —actualmente na UD Ibiza—, e a vítima.

A Fiscalía sostén que tería entrado "completamente espido" e que, "con ánimo libidinoso para satisfacer o seu apetito sexual e a pesar da manifesta vontade contraria da vítima", se dirixiu a ela dicíndolle: "Mira, moza, ti préstasme moito e creo que deberiamos facer algo". Cando a muller lle contestou que iría á caravana "con David", o escrito recolle que o procesado sairía "un minuto" para volver entrar e, após dicirlle que "lle gustou moito", presuntamente perpetrou a agresión sexual.

Alén de lesións físicas "a consecuencia" do ataque que o Ministerio Público imputa unicamente a Mina, a vítima sofre sintomatoloxía ansiosa "grave" relacionada cos feitos, polo que solicita unha indemnización de 50.000 euros. Subliña que as secuelas que padece supuxeron que se vexa "moi afectada a súa vida cotiá" xa que sofre "trastorno de tensión pos traumático crónico directamente relacionado" coa agresión sexual que se vai axuizar.