Xustiza

Declarado culpábel o acusado de matar dun disparo na cabeza unha muller en Oza-Cesuras

Pistola achada perto do lugar do crime. (Foto: Europa Press)
O procesado declarouse no xuízo culpábel de acceder á vivenda para roubar, pero non da morte da muller, e alegou a presenza doutro individuo, ao que culpou do asasinato.

O xurado declarou hoxe culpábel o home acusado de matar dun disparo na cabeza unha muller na súa vivenda de Oza-Cesuras (As Mariñas) o 15 de xaneiro de 2021, e para o que se pedían penas de prisión por asasinato, tenza ilícita de armas e violación de morada. Foi tras o xuízo decorrido na Audiencia Provincial da Coruña no que o procesado se confirmou culpábel de acceder á vivenda para roubar, pero non da morte da muller, e alegou a presenza doutro individuo, ao que culpou do asasinato.

En contraposición a este argumento, axentes da Garda Civil que participaron na investigación do crime ratificaron, nas súas declaracións, que non existe "ningún indicio" que implique outra persoa, alén do acusado, nos feitos. Isto coincidiu co testemuño de veciños da vítima que confirmaron que só viron ao procesado nas inmediacións da vivenda da muller o día do suceso. A esta coñeceuna, dixo, por unha relación previa que houbo entre a muller do acusado e o marido da vítima e que derivou en problemas no ámbito laboral.

Petición de condena

Na lectura de conclusións, o Ministerio Público, para o que existiu "intencionalidade, maldade e planificación", cualificou os feitos como constitutivos de delito de asasinato, de tenza ilícita de armas e de violación de morada. Por eles, solicitou 29 anos de prisión para o acusado ao considerar confirmado que perseguiu á vítima "e no momento que lle dá alcance, encañónaa, dispáralle e mátaa".

A acusación particular sumouse ás teses de Fiscalía e reclamou, finalmente, unha condena que suma 35 anos de cárcere polos mesmos delitos. Pola contra, o avogado da defensa, que tras o veredicto deixou aberta a posibilidade de recursos, pediu para o seu cliente, nas súas conclusións, de dous a cinco anos de prisión por tentativa de roubo con violencia en casa habitada.