Declaración de Ponferrada: máis de 50 plataformas de todo o Estado suman forzas contra a incineración

Manifestación contra a incineración no Deza

Fan parte dela colectivos e entidades galegas como Adega ou Amigos da Terra.

 

"A incineración é unha estafa, contribúe ao quecemento global e ao cambio climático e é unha ameaza seria para a saúde pública", sosteñen as máis de cincuenta plataformas asinantes do manifesto que artella a unidade de acción do movemento anti-incineración estatal e que vén de se aglutinar na "Declaración de Ponferrada contra a incineración e polo Residuo Cero"

 

"Esiximos ás administracións -afirma a Declaración de Ponferrada- que non concedan máis licenzas de incineración ou co-incineración e desenvolvan alternativas para a redución de residuos baseadas na reutilización, reciclaxe e na prohibición do non-reciclábel, para que non convirtan a cementeiras ou centrais térmicas en incineradoras de residuos encobertas". 


A Declaración de Ponferrada rexeita eufemismos como "valorizar" ou que a enerxía xerada por (co) incineración poida considerarse neutra e moito menos limpa: "Trátase de electricidade negra que se disfraza de enerxía verde ou renovábel. Este branqueamento ou "greenwashing" é inaceptábel polo que nos opomos firmemente que a futura lei de cambio climático branquee a biomasa para o uso enerxético e esiximos que a estratexia de transición de enerxía exclúa a biomasa. Estaremos atentos á elaboración da Lei de cambio climático para demandar ao Reino de España perante a Unión Europea no caso de que se inclúan practicas como a incineración de biomasa que baixo o pretexto do cambio climático, conleven riscos para a saúde" .

 

Para os asinantes da declaración, a incineración é unha farsa da que se lucran as industrias cementeiras, térmicas e demais incineradoras que reciben grandes subvencións por dereitos de emisión de CO2: "Baixo o pretexto de combater o cambio climático, en realidade as administracións están a pagar para desfacerse como sexa das súas toneladas de lixo, que non saben como xestionar".