'Nós Diario' analiza con persoas expertas na materia a idoneidade da prohibición da súa caza

A declaración do lobo como especie protexida abre un debate no rural

Manda de lobos ibéricos (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
O lobo será declarado oficialmente unha especie silvestre protexida nas vindeiras datas, a pesar da forte oposición de, entre outros gobernos territoriais, o galego. Analizamos esta medida da man dos diferentes actores sociais afectados.

A pasada semana, a Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade acordou incluír o lobo na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial, o que supón a perda da súa condición de animal cinexético e, polo tanto, a prohibición de cazalo. Deste modo, dar morte a un lobo deixará de estar regulado polo artigo 335 do Código Penal e o delito será xulgado en base ao 334, que pode chegar a supor unha pena de prisión de seis meses a dous anos.

A medida foi aprobada co voto favorábel da meirande parte dos territorios do Estado, e a pesar da notábel oposición da Galiza, Astúries, Cantabria e Castela e León, onde se concentra 95% da poboación de lobo ibérico.

O Goberno galego posicionouse esta cuarta feira manifestamente en contra desta resolución, argumentando que se produciron "irregularidades na tramitación do seu procedemento e na celebración da última comisión do pasado 4 de febreiro (cando se realizou a votación)", debido á "ausencia de criterios obxectivos para a inclusión de especies" na devandita listaxe de animais silvestres protexidos.

Neste senso, a Xunta súmase aos outros tres territorios afectados denunciando que "dito acordo é unha proposta, non un acordo, que non da por finalizado o procedemento administrativo". A Administración non descarta acudir á Xustiza para recorrer a decisión.

"É preciso defender o sector primario do lobo"

Antón Arroxo, presidente da Federación Galega de Caza, expón a Nós Diario os motivos polos que esta medida non sería a solución axeitada: "O status que tiña o lobo xa era suficiente, porque só se permitía a súa caza en situacións moi concretas e puntuais, cando se producían reiterados danos nun territorio", afirma, e salienta que, no último ano, as cazarías autorizadas "contáronse cos dedos dunha man".

Alén de cazador, Arroxo é licenciado en Bioloxía, e asegura defender a caza "excepcional" desta especie "pensando no ben das e os gandeiros". Considera "imprescindíbel" o labor de prevención e as indemnizacións polos danos ocasionados polo lobo, mais matiza: "Na montaña lucense, onde eu resido, fechar as fincas e pór valados de grande altura non soluciona o problema, e o que nós pedimos é poder defender o sector primario nestes casos concretos nos que a prevención non é suficiente. O rural está cada vez máis abandonado e as axudas económicas son insuficientes", relata, facendo fincapé en que o lobo é o "buque insignia da Galiza" e "non ten ningún interese cinexético" para as e os cazadores.

"Os datos do censo aconsellan a protección"

"A inclusión na listaxe de especies silvestres protexidas ábrese como unha oportunidade", relata, en declaracións a este xornal, o biólogo Martiño Nercellas, da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega). Para el, é imprescindíbel que a o Goberno galego, "no lugar de andar a enredar", traballe para "trasladar á práctica" o que implica a protección do lobo. "A Xunta di que a poboación do lobo aumentou en base aos datos de avisos e danos, mais os datos do censo de 2015, comparando co anterior de 2003, indican que nin medrou nin minguou dun modo claro", argumenta.

O gandeiro Xosé García Freire, de Mañente (Pantón), indica que o problema "non é nin o lobo nin o xabarín, senón a Administración", xa que os animais "só atopan eucalipto nos montes" e non teñen nin presas que cazar, nin un ecosistema axeitado no que asentarse. Tamén lamenta a "tardanza" dunhas indemnizacións por danos que considera "insuficientes", mais apunta tamén á importancia de "protexer o gando e mantelo agrupado", e non "diseminado polo monte".

Pola súa banda, o biólogo Manuel Pedrosa, director do documental Entre pastores e lobos, bota en falta un debate "menos polarizado" sobre a materia: "O lobo vivo e o gandeiro protexido, esa é a solución", expón, ao tempo que apunta que "que haxa máis ataques non supón que haxa máis lobos". Neste senso, advirte a "escaseza de presas" que ten o animal polo "exceso da caza" e a "perda do seu hábitat natural".