A decisión da Consellaría de que os casos sospeitosos teñen que ir ás aulas chega á xustiza

Aula (Foto: Europa Press)

 Recurso da CIG contra as mudanzas do protocolo educativo e o plan de ensino virtual. O sindicato xustifica recorrer á vía xudicial ante a negativa da Consellaría a negociar.

CIG-Ensino rexistrou hoxe, 9 de novembro, un recurso contra as últimas normas aprobadas pola Consellaría de Educación, “todas elas sen negociación previa”.

O sindicato maioritario no ensino galego apunta, ademais, que no que atinxe á última versión do protocolo, esta supón “un claro exemplo de contradición entre a protección da saúde con carácter xeral para toda a poboación (nunha orde de Sanidade na que se dan indicacións de permanecer nas casas á espera de que se confirme se a persoa sospeitosa de contaxio dá positivo ou non) e a que se impón para o persoal dos centros educativos (coa indicación de non quedar nas casas e seguir acudindo aos centros malia o risco que isto pode implicar)”. 

O sindicato dá o paso de recorrer á vía xudicial “ante a negativa da Consellaría a negociar as normas que afectan ás condicións de traballo e de protección da saúde do profesorado”.

Así, considera considera que a “actuación unilateral” da Consellaría de Educación supón “unha violación do dereito á negociación colectiva e á liberdade sindical así como unha vulneración do procedemento legalmente estabelecido para á modificación de horarios, xa que o Plan de Ensino Virtual implica, de feito, unha modificación das ordes que desenvolven os Regulamentos Orgánicos dos diferentes centros educativos”.

Por último, no que garda relación ao cambio de criterio sobre persoas conviventes ou contactos estreitos de persoas que poderían estar contaxiadas, o sindicato entende que se vén de producir “unha violación do dereito á saúde da comunidade educativa e solicita a paralización cautelar desta medida”.

Na actualización do protocolo ante a Covid-19 no sistema educativo, cando exista un caso dubidoso no núcleo familiar ou que presente síntomas compatíbeis coa doenza, o resto de persoas conviventes terán que minimizar e evitar as interaccións sociais, mais poderán acudir tanto á escola como ao seu posto de traballo, no caso de seren docentes.

De se confirmar o positivo, os familiares non poderán acudir ao centro de ensino ao seren considerados casos estreitos e terán que gardar corentena por un período de dez días, de acordo coas indicacións das autoridades sanitarias.