Mobilización para exixir a recuperación do castelo da Caldaloba

Manifestación diante da Torre de Caldaloba (Cospeito). (Foto: cedida)
Instan a Xunta da Galiza que recupere a fortaleza para a súa rehabilitación e posta en valor.

Máis de un cento de persoas reuníronse esta fin de semna diante da Torre da Caldaloba (no cocnello de Cospeito, comarca de Tera Cha) baixo o lema “Recuperarmos o noso patrimonio. Recuperarmos a nosa historia” esixindo a Administración galega que “faga efectivas de inmediato as medidas para que o castelo da Caldaloba pase a propiedade pública e leve a cabo a súa recuperación e posta en valor”.

O acto contou coa intervención de Orlado Viveiro, divulgador do patrimonio da Terra Chá, quen lembrou o importante patrimonio cultural e artístico presente no territorio e as accións impulsadas polas Brigadas Chairegas hai vinte anos ao redor da Caldaloba.

Tamén falou Antón Meilán, profesor da Universidá de Uviéu, que realizou estudos sobre os feitos históricos acaecidos na torre, particularmente, sobre os feitos e a contextualización do sucedido entre 1483-1485, con con Constanza de Castro (filla do Mariscal Pardo de Cela) e Fernán Ares de Saavedra como protagonistas, e que supuxeron a fin da existencia efectiva do Reino de Galiza.

O acto tamén contou coa actuación musical do grupo Caivanca.

A torre de Caldaloba é o último resto dunha fortaleza da baixa Idade Media situada na parroquia de San Martiño de Pino, no concello de Cospeito, derrubada polas tropas castelás de López de Haro por volta de 1484 e da que hoxe só se conserva unha planta cuadrangular de 10 metros de lado, máis de 30 metros de altura e uns muros de preto de tres metros de grosor.

A edificación, segundo os estudos do historiador e arqueólogo Ángel del Castillo, no seu momento constaba de catro andares edificados en mampostería de xisto e granito, rematado por unha bóveda de canón percorrida por arcos fachóns, posuíndo un sistema defensivo de foxos e contra foxos, que en palabras do seu estudoso Xavier Moure, acadaba no seu punto máis alto 10 metros de diferenza. 

A rebelión galega contra Castela do século XV

A fortaleza está asociada á rebelión galega contra Castela das décadas finais do século XV. Após o asasinato do mariscal Pedro Pardo de Cela por orde dos Reis Católicos en Mondoñedo en 1483, a máis nova entre as súas herdeiras, Constanza, nada ao igual que a súa irma Beatriz do matrimonio do mariscal con Isabel de Castro, vese obrigada a refuxiarse canda a súa parella, Fernán Ares de Saavedra, no castelo de Caldaloba para continuar a loita. Alí vai resistir, arredor dun ano, o cerco das forzas dos Reis Católicos, comandadas por Diego López de Haro e do que fai parte un importante continxente mercenario multinacional.