Decembro de 2021, o terceiro máis cálido dos últimos 40 anos

As rúas de Vigo, iluminadas por mor do Nadal, o pasado decembro (Foto: Arxina).

A Galiza rexistrou un mes de decembro "normal" no que atinxe ás precipitacións, e "moi cálido" no que respecta aos termómetros, cunha temperatura media que se situou 2,1ºC por riba do esperado. Esta anomalía converteu o decembro de 2021 no terceiro máis cálido da serie histórica de referencia, con rexistros desde 1981.

Estas son algunhas das conclusións do avance do último informe climatolóxico de Meteogaliza, que tamén sinala que decembro tivo tres partes moi diferenciadas: un período inicial de 10 días no que predominaron as borrascas, con ambiente húmero e temperaturas suaves propias da época; unha segunda parte con outras 10 xornadas de tempo anticiclónico, seco e temperaturas baixas; e unha recta final marcada outra vez por borrascas (aínda que con vento do sur e temperaturas elevadas).

Meteogaliza destaca a temperatura media, cunha anomalía de 2,1º por encima do habitual en decembro (dato obtido a partir das anomalías medias das 11 estacións meteorolóxicas máis representativas). A explicación, sinalan, hai que buscala tanto nas temperaturas mínimas como máximas, "en ambos os casos moi cálidas".

O precedente máis próximo, lembraron, foi o mes de decembro de 2015, cando a temperatura media situouse en 2,87º por encima do habitual; e o anterior foi o de 1989, cunha anomalía positiva de 2,84º.

En xeral, os termómetros rexistraron marcas moi elevadas no conxunto do país, malia que os valores máis salientábeis concentráronse na comarca da Coruña e no leste da área de Lugo, con valores que case chegaron aos 3,8º por encima do normal. Por outra parte, as anomalías máis baixas alcanzáronse no Barbanza, cunha temperatura media case 1º por encima do esperado.

Menos choivas e en poucos días

Segundo os datos recoller nas estacións meteorolóxicas máis representativas, a choiva acumulada en decembro foi similar á considerada "normal", pero o número de días con precipitacións supera en xeral os valores climáticos habituais para a época. Apóñeno aos dous períodos de inestabilidade cos que comezou e finalizou o mes, que trouxo asociados episodios de borrasca bastante activos en días concretos e derivaron nunha precipitación acumulada de 205 L/m.

Se se comparan estes valores cos rexistrados no período de referencia 1981-2010, decembro finalizou na Galiza cunha anomalía media das precipitacións un 3% superior ao valor climático habitual. "Isto fai que o mes poida considerarse dentro da normalidade, tendo en conta o conxunto do país", aseguran.

Con todo, si recoñecen que houbo grandes contrastes en canto á distribución xeográfica das precipitacións, sobre todo entre a área de Lugo e o resto da Galiza. En concreto, mentres que na Fonsagrada e nos Ancares rexistráronse porcentaxes de choiva superiores ao 196% con respecto ao normal, na comarca ourensá de Valdeorras o mes resultou moi seco.