O decano desouve a secretaria xeral da USC e non recibe a alumna que deixou sen prácticas

Tatiana Maseda non puido escoller praza para a realización do practicum en ''represalia'' pola súa participación nun piquete na folga contra a LOMCE do 24-O.


Malia dispor a secretaria xeral da USC, Lourdes Noya Ferreiro, que a alumna Tatiana Maseda tiña dereito a escoller praza para a realización das prácticas obrigatorias do grao en Dereito, o decano desta facultade, Luís Míguez Macho, negouse a recibila até que non lle chegue por escritocomunicación oficial da secretaría xeral.

"Botoume do despacho e dixo que xa me enviaría un escrito. De que me serve o escrito? Que me vai notificar? O que quero é escoller prácticas", razoou a estudante en conversa con Sermos Galiza.

Maseda está no último ano da carreira e só lle quedan por superar dúas materias para alén do practicum que esta segunda feira 28 lle foi vetado, segundo ela propia denunciou, polo decano Míguez Macho. Este argumentou "que non tiña dereito a estar alí" --en referencia ao acto de adxudicación das prazas-- porque fixera parte dun piquete na folga estudantil do 24-O. "Dixo que me tiña identificada e ameazoume con me abrir un expediente", explicou Maseda.

O piquete, do cal fixeron parte a organización estudantil en que milita a moza, Agir, canda Comités e Liga, organizouse co obxectivo de boicotar xustamente ese acto de asignación de prazas, ao ser convocado con tres días de antelación para o mesmo 24-O. "Entendemos que se pretendía coaccionar o estudantado, porque ao se tratar dun trámite tan importante quen tiña que facer parte del non secundaría a folga", subliña Tatiana Maseda, debullando os motivos polos que se decidiu o boicote e se negociou con Míguez Macho unha data alternativa: este 28 de outubro.

Tal e como relatou a estudante, ao ter unha cualificación elevada no expediente académico a súa quenda para escoller praza estaba fixada para a primeira hora da mañá. "Cando dixeron o meu nome o decano berroume que non tiña dereito a estar alí e botoume da sala diante de todo o mundo, ameazándome con me abrir un expediente". As tres organizacións antes citadas denunciaron a "represión" practicada polo decano e a propia Maseda queixouse de "abuso de poder" perante o Valedor do estudante e a vicerreitoría da USC.

Esta terza feira 29 foi recibida pola secretaria xeral, Lourdes Noya, quen a instou a se reunir con Míguez Macho á tarde para que escollese a súa praza e pór así fin ao conflito. Porén, o decano de Dereito non quixo recibila. "Xa lle advertira á secretaria xeral que non querería falar comigo porque cando o intentei das outras veces non accedeu, mais ela insistiu en que xa estaba avisado e que non habería problema". Até a sede do reitorado acompañaron Tatiana Maseda ducias de estudantes que se solidarizaron con ela nunha concentración diante da facultade, marchando despois en manifestación até o despacho de Noya Ferreiro.

Míguez Macho denunciou ''acoso do nacionalismo'' nun artigo de opinión

Escollido decano o 20 de decembro de 2007 e que fica desde aquela no cargo, os tirapuxas entre este catedrático de Dereito administrativo e o estudantado non foron poucos. Recordemos un: as tres bolsas de lixo que os Comités meteron por rexistro na facultade para simbolizar o seu rexeitamento á transformación desta titulación en grao, adaptándoa ao Plan Boloña.

Foi en maio de 2009 e o colectivo estudantil denunciou que os petos que colocaran para 'mercar' o decano así coma os cartaces informativos eran retirados un día detrás doutro ao pouco de ser colocados. 

Nun artigo asinado por Míguez Macho, publicado en 2008 e titulado La barbarie ha llegado a la Universidad: no podemos cerrar los ojos o decano de Dereito da USC manifesta a súa solidariedade coa presidenta do PP vasco, María San Gil, após os apupos que recibiu cando se dispuña a dar unha palestra nesta universidade, na facultade de Económicas. Define Agir como "unha minoría radical pouco representativa, da extrema esquerda e nacionalista" e acrecenta que "o certo é que non temos máis organizacións violentas que as deste sector ideolóxico".

Cun goberno na Xunta que daquela estaba en mans de BNG e PSdG-PSOE, di Míguez Macho que a USC está dirixida "ampla e maioritariamente por persoas da mesma tendencia política" --o reitor naquela altura era Senén Barro-- e que "quen ocupamos postos de responsabilidade sen partillar esa sensibilidade" suportaban "acosos impropios dunha sociedade democrática".