"O Segundo Sexo" fai 70 anos

Sete décadas de loita feminista con Beauvoir

[Imaxe: SG] Simone de Beauvoir

Forneceu ao feminismo dunha poderosa ferramenta de análise ao sinalar o rol subordinado da muller na sociedade. A visión de Simone de Beauvoir achegou as bases para as loitas feministas nos 60 e nos 70. Con todo, "O segundo sexo" recibiu durísimas críticas tras a publicación da súa primeira parte, da que se veñen de cumprir setenta anos.

A obra "O segundo sexo" é considerada un dos piares do feminismo occidental, alén dunha das obras fundamentais da filosofía do século XX. Falamos con cinco feministas galegas sobre a vixencia das teses de Beauvoir. Unha información que completaremos cun monográfico especial sobre a autora e as súas obras no mes de novembro. Eis un extracto da información publicada no número 332 do semanario en papel Sermos Galiza, coas impresións que o libro causou en cinco mulleres feministas. 

1. Que supuxo para o movemento feminista a publicación de O Segundo Sexo?
2. Setenta anos despois, de que forma segue vixente a visión de Simone de Beauvoir?
3. Como a marcou a lectura de O Segundo Sexo?

 

Marga Romero, escritora

1. Falamos de hai 70 anos, de cando a publicación dun libro fai tremer todo o que sustentaba a ordenada e incuestionábel sociedade francesa, e provoca un sismo cada vez que se traduce, que se reedita, que se discute en círculos ou que se le. Obrigou desde o feminismo á crítica a revisar todos os discursos onde estaba ausente ou aparecía a palabra muller. Reflectiu as causas da condición secundaria da muller. Redefiniu o xénero. Desvelounos o patriarcado.

María Pilar García Negro. Profesora da USC e escritora

1. O Segundo Sexo, publicado no ecuador do XX, é a obra máis importante deste século e alimentou con posterioridade toda a investigación e divulgación feminista. É a obra dunha filósofa cuxo valor ultrapasa este carácter. Porque para alén diso inaugura filosoficamente unha nova epistemoloxía e, derivada dela, unha concepción moderna e anovada da condición feminina e, por suposto, tamén da condición masculina.

Marga R. Marcuño, tradutora en galego de O Segundo Sexo

1. Marcou o punto de partida básico e necesario para conquistar a nosa autonomía e a emancipación e liberación dos fíos que nos atan ao sistema patriarcal. Hai que situala en 1949, pero considero que é unha obra que nos interpela aínda a día de hoxe: non se nace muller, chégase a selo. Idea central do ensaio que invita a unha revisión actualizada e constante do proceso vital, individual e colectivo de cada muller dentro e fóra do feminismo, para saír do encadramento como Outra para sentirse Unha, en palabras de África López Souto, a encargada da revisión da tradución galega.

María Xosé Porteiro. Escritora e xornalista

1. É un dos primeiros textos universais que describen a desigualdade; un texto pioneiro, contemporáneo. Beauvoir expón un pensamento moi avanzado e explica unha realidade que segue a ser identificábel. Supón o punto de partida dunha base filosófica-teórica sobre a que se sustenta todo o pensamento feminista actual. A partir desa descrición dunha realidade comézase a pensar en base a esas claves. Aporta unha nova semántica, crea novas definicións para comprendermos fenomenolóxica, sociolóxica, mesmo ideoloxicamente, o feminismo. Ponlle nome a case todo o que temos incorporado e naturalizado na linguaxe e na interpretación feminista da realidade.

Carme Adán. Catedrática de Filosofía e ex secretaria xeral de Igualdade

1. Deberiamos falar da súa influencia no feminismo a partir dos anos sesenta, xa que no momento da publicación é un libro moi polémico, que recibe moitas críticas desde o ámbito da filosofía e dos patriarcas da cultura francesa. Creo que se converteu nun libro de referencia para todos os debates feministas dos anos sesenta, dos setenta e até hoxe.

 

[Podes ler a información íntegra no número 352 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]