Saúde

O DEBATE | Debería estar legalizado o consumo e a comercialización de cánnabis na Galiza?

Todos os focos viran cara Alemaña após legalizar o consumo de cánnabis. (Foto: Nós Diario)
Alemaña legalizou a partir de 1 de abril o consumo de cánnabis máis aló do uso medicinal. Debería seguirse aquí ese camiño?

Ramón Silva

 'Prolegalización'

O Congreso aprobou a finais da pasada lexislatura unha proposta pola que se instaba o Goberno a regular o uso medicinal do cánnabis. Só PP e Vox votaron en contra. España non ten unha regulación do cánnabis medicinal, o que si teñen outros países europeos. Alemaña, onde desde 2017 estaba despenalizado o uso de cánnabis con fins medicinais, aprobou agora dar ese paso tamén para o consumo recreativo, como xa existe en Canadá ou Uruguai. Volve pois o debate sobre a legalización xa que en España o cánnabis está nunha especie de limbo legal. A posesión de pequenas cantidades non é un delito, pero tampouco é legal. O transporte en vía pública está prohibido; o consumo no fogar está permitido de facto pero fóra del está multado....

O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) preguntou en 2018 sobre a legalización da marihuana: un 84% dos encuestados estaba a favor de legalizala con usos terapéuticos, un  47 era favorable á legalización plena. Moita xente comete o erro de utilizar os termos legalización e despenalización indistintamente, pero son distintas. O feito de legalizar a marihuana implica eliminar as restricións legais que rodean á planta e o seu consumo. Os distintos países adoptan diferentes enfoques para legalizala. Algúns poderían optar por legalizar completamente o cultivo, venda, procesamento e consumo de marihuana e os seus derivados, e outros poderían legalizar unicamente a venda con fins medicinais.

"Legalizar permitiría pasar dun mercado ilegal e escuro a un mercado transparente e regulado"

Despenalizar o cánnabis consiste en eliminar as sancións penais contra o seu consumo, cultivo, venda e posesión. Legalizar o cánnabis permitiríanos pasar dun mercado ilegal, escuro e pouco fiable, a outro máis transparente e aberto. un mercado que poida ser regulado adecuadamente e que asuma a responsabilidade de priorizar a seguridade, a saúde e a transparencia. A maior parte da marihuana que se vende e consome en todo o mundo está cultivada e controlada ilegalmente.

O profesor na Mondragón Unibertsitatea Julen Bollain di, citando un estudo da Universidade Autónoma de Barcelona, que a legalización supoñería un gran impacto económico: "A legalización do cánnabis podería xerar 3.312 millóns de euros para Facenda e xeraríanse ao redor de 115.000 empregos".

Aínda que debe consumirse con precaución, a marihuana non é tan perigosa como moitos poden crer. En comparación co alcol e o tabaco, dous produtos legais e dispoñibles en todas partes, os riscos para a saúde do consumo son menos alarmantes.

Legalizala tamén permitiría a investigación do cánnabis, os seus compostos, asi como investir en estudos e análises exhaustivos para descubrir os posibles beneficios e riscos para a sociedade desta planta.

Sobre a preocupación sobre que se é legal a mocidade vaia en masa a consuma cánnabis, os datos dos escasos mercados legais de todo o mundo indica que ese temido efecto que tanto preocupa a algúns  non se deu.


María A. Roca

Médico

A legalización da marihuana ou calquera outra droga non é unha cuestión que se deba tratar á lixeira, e moito menos polos gobernos. A súa legalización tería afectos e consecuencias importantes e non só en cuestión de saúde pública e sanidade. En España, arredor dun 3% da poboación consome cánnabis a diario ou case a diario, o que se considera un patrón de consumo de risco elevado para a saúde. Ademais, un 15% da poboación de entre 15 e 64 anos e un 11% dos adolescentes (de entre 14 e 18 anos) pensa que consumir cánnabis carece de consecuencias sobre a saúde, segundo os resultados de enquisas como Edadas e Estudas de 2022.

O cánnabis contén máis de 100 cannabinoides. O tetrahidrocannabinol (THC) e o cannabidiol (CBD) son os que teñen maior importancia desde unha perspectiva clínica. Hai xa máis dunha década que se propuxo o uso do CBD para tratar trastornos neurolóxicos como a epilepsia infantil resistente ao tratamento, pero o seu uso é controvertido tendo en conta que existen persoas con trastorno por uso de cánnabis.

O cánnabis non é inocuo, falamos dunha substancia que definitivamente causa adicción. Hai que ser conscientes da negatividade  da maioría das substancias. Non só en canto a trastornos e adiccións, senón tamén polo que producen nunha persoa se se abusa.

"O cánnabis sería punto de partida, como o alcol ou tabaco, para o consumo de substancias máis nocivas"

Unha das consecuencias inmediatas da legalización sería o aumento do consumo. A percepción de risco baixaría e é posible que, se un grupo de amigos, ou mesmo familiares, consumisen, parte das persoas que actualmente non o fan tamén o farían.

O cánnabis, ademais, pode ser o acceso a drogas máis fortes. Unha parte da poboación nova adoita utilizar o cánnabis en situacións sociais. Por esta razón, moitas persoas consideran que é o punto de partida, xunto co tabaco e o alcol, ao consumo de substancias máis nocivas. A legalización normalizaría aínda máis o consumo entre adolescentes, podería implicar unha "banalización" dos efectos negativos da marihuana, que os ten.

O maior estudo do mundo sobre cánnabis demostra que os seus riscos son moito maiores que os seus beneficios. Publicouse no British Medical Journal e nel tomaron parte centros de profesionais de diferentes países do mundo. O traballo confirma, de maneira máis contundente, o que outras publicacións xa avanzaran con anterioridade: o consumo desta substancia ten efectos moi prexudiciais en persoas mozas, embarazadas e condutores, principalmente.

Tamén ofrece evidencias, aínda que máis moderadas, de que o cánnabis pode ser beneficioso en circunstancias moi concretas: para mellorar certas condicións como a epilepsia, a dor ou a enfermidade inflamatoria intestinal, a pesar de ter efectos secundarios no sistema nervioso central.

De todas formas, os gobernos non deberían permitir o consumo de cánnabis en menores de 25 anos, igual que está prohibida a venda de alcol a menores de 18 anos.